Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Alda Hotels inaugura en Ourense un novo establecemento hoteleiro

Ubicado no barrio da Ponte, Alda Estación Ourense conta con 26 habitacións

Coa posta en marcha dun albergue turístico e unha cafetería en Santiago de Compostela, comezaba a súa andadura a cadea hoteleira Alda Hotels. Nove anos despois de asumir esa aposta, a empresa xestiona unha trintena de establecementos repartidos por toda a xeografía española.

A última incorporación á cadea é o Hotel Alda Estación Ourense, un establecemento ubicado na rúa San Paio, 6 de Ourense en pleno barrio da Ponte, nun emprazamento próximo á futura estación intermodal, que era inaugurado na tarde do 11 de outubro.

 

O hotel está ubicado na rúa San Paio, 6 de Ourense.

O hotel conta con 26 habitacións e está “ben situado e ao mellor prezo”, indican os promotores do que foi anunciado no seu día como un proxecto de hotel biosostible e con fachada de deseño. Á aposta polas enerxías renovables, fixo referencia o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, presente no acto. O rexedor deu a noraboa a “Castor e á súa familia e todos os que participaron no proxecto, empezando polos arquitectos que lle deron o seu selo persoal, coa parte de enxeñería que fixo posible que este edificio sexa sostible e respectuoso co medio ambiente, xa que a aplicación da xeotermia (o 80% da enerxía será por este sistema) non só contribuirá á reducción de custes senón a unha cidade medioambientalmente mellor”.

Con este novo establecemento, Alda Hotels continúa co seu proxecto de expansión en cidades nas que aínda non estaban presentes como é o caso de Ourense e “esperamos poder abrir máis porque a cidade o requira e a demanda hotelera da cidade nos permita seguir nesa liña”, en palabras do xerente da cadea hoteleira.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button