En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Alejo Ares (Adas) imponse con autoridade na X Carreira dos Santiños do Barco

Un cento de atletas participaban na proba de maiores que se iniciaba ás 12h. do 5 de novembro

Cunha volta ás pistas de atletismo de Calabagueiros comezaba no mediodía do 5 de novembro a X Carreira Popular dos Santiños no Barco. A proba dos maiores, cun cento de participantes, cubría unha distancia duns 7.000 m, cun circuíto totalmente chairo e percorría o centro da vila.

O primeiro en cruzar a liña de meta e cunha notable vantaxe sobre o resto de corredores era o valdeorrés Alejo Ares (Adas), seguido de Aser Cuéllar (Benavente Atletismo) e do tamén valdeorrés Marco Paulo Rodrigues (Adas). Na categoría feminina, a primeira en chegar a meta era Aida Martínez, seguida de Sonsoles Martín e Marta Ballesteros (as tres do Adas).

Nesta cita deportiva competían atletas de diversos clubs da comarca como o xa citado Adas, Atletismo Rúa, Peña Trevinca Barco, Tres Lunas Race ou Petín Team, así como doutros puntos da provincia como é o caso do Veteranos Ourense, Burgas Atletismo, Piragüismo Ourense ou Club Ourense Altetismo, entre outros. Tamén había corredores doutros lugares de Galicia así como de Castela e León.

A X Carreira dos Santiños, que incluía tamén probas de categorías base a partires das 13h., ten sido organizada polo Club Adas en colaboración coa Delegación Valdeorras da Federación Galega de Atletismo e co Concello do Barco. Do seu control ocupábase o Comité Valdeorrés de Xuíces da FGA. Na proba tamén colaboraban a Policía Local, o GES Valdeorras, Protección Civil do Barco e da Rúa, Ambulancias Sil e Cruz Vermella.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Máis información sobre a Carreira dos Santiños e fotos:
https://osil.info/mais-de-200-participantes-nas-carreiras-de-categorias-base-nos-santinos-barco/
https://osil.info/entrega-de-premios-da-x-carreira-dos-santinos-barco-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button