En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Alejo Ares (Adas Proinor), 5º nunha San Martiño dominada polo ourensán Alejandro Fernández

Outro corredor do Adas, Iván Roade, subía ao segundo chanzo do podio da carreira absoluta de 10 km polas rúas de Ourense

 

Non tivo rival. Despois de dúas vitorias consecutivas (no 2017 e 2018) e malia as lesións que o tiveron afastado das carreiras durante meses, o ourensán Alejandro Fernández chegaba á mañá do 17 de novembro nun estado de forma óptimo, sumando con autoridade a súa quinta San Martiño, a carreira de casa (xa ganara outras dúas edicións anteiormente).  E iso que as chuvia caída durante a noite anterior e de forma intermitente ao longo da mañá complicaron a carreira en certos puntos, especialmente nas curvas.

Con todo, o atleta ourensán regresaba aos seus mellores tempos entrando en meta cun tempo de 29 minutos e 36 segundos. Vinte segundos máis tarde chegaba Iván Roade, o atleta do Adas Proinor co que pelexou durante os 10 quilómetros da carreiras polas rúas de Ourense. Terceiro, cun tempo de 30:36, era Fernando Rial. Malia quedar fóra do podio, Alejo Ares, tamén do Adas Proinor do Barco, mantiña a presión sobre o primeiro, entrando en meta no quinto posto investindo un total de 31 minutos e 11 segundos.

 

O valdeorrés Alejo Ares durante a carreira. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

No apartado feminino, Joselyn Brea era moi superior subindo ao alto do podio cun tempo de 33:47, seguida de Ester Navarrete (34:21) e Marta Casanova (35:17).

Son os prinicipais resultados da XLIII Carreira Pedestre Popular do San Martiño 2019 que reunía a preto de 10.000 corredores nas diferentes categorías. Os inscritos eran moitos máis pero finalmente eran uns 3.000 os que tomaban a saída na Ponte do Milenio, na carreira absoluta. Algúns menos tomaban a saída hora e media despois na carreira escolar, repetíndose o número na carreira infantil e na inclusiva que se retrasaba quince minutos sobre o programa inicial.

 

Iván Roade, Alejandro Fernández e Fernando Rial, podio masculino.

 

Coma sempre, membros do Campus Universitario Ourense Rugby controlaban a liña de saída da proba organizada polo Consello Municipal de Deportes de Ourense. En definitiva, poucas novidades na “festa do atletismo popular na cidade das Burgas”, que se convertía durante horas nun fervedoiro de corredores de todas as idades chegados dende diferentes puntos de Galicia. Entre eles coma sempre unha boa representación de Valdeorras, de clubs como o Adas Proinor e o Atletismo Rúa, pero tamén a nivel individual, fieis a unha cita marcada no calendario.

 

Ester Navarrete, Joselyn Brea e Marta Casanova, podio feminino.

 

Fotos: Mónica G. Bellver.

Máis fotos no seguinte enlace: https://osil.info/os-corredores-protagonistas-dunha-multitudinaria-san-martino-2019/

Artigos relacionados

Back to top button