En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Alejo Ares logra o primeiro podio valdeorrés masculino da Milla do Barco en 32 anos

Na categoría absoluta feminina Solange Pereira sumaba a súa novena vitoria no Paseo do Malecón

 

Era o broche a unha Milla cunha alta participación en todas as idades e gran calidade deportiva. Pasadas as oito da tarde do 16 de setembro e tras unha intensa e veloz carreira absoluta masculina, no que por vez primeira nas 32 edicións da Milla Urbana do Barco un valdeorrés subíase ao podio nesta categoría. Alejo Ares (Club Adas Proinor) lograba a terceira posición na proba, tras Jesús Gómez e Daniel Arce. Era o corolario a unha brillante tempada deste valdeorrés que, malia quedar cuarto na pasada edición, non esperaba este resultado, tal e como el mesmo lle confesaba ao Periódico O Sil na entrega de premios.

Na proba absoluta feminina, a atleta internacional Solange Pereira facíase co seu noveno triunfo na Milla, amosando novamente o seu dominio. En segundo lugar sitúase Lidia Campo e a terceira posición era para Esther Navarrete.

No decurso da Milla, que comenzaba ás seis da tarde coas categorías base, seguía cos veteranos e logo cos atletas de máis novos (dende os 7 anos ata os de 3 anos ou menos) ata chegar as categorías raíñas. Nesta edición tamén se lle rendía unha homenaxe ao atleta veterano de Arcos (Vilamartín), Manuel García Alfonso de 77 anos, así como aos atletas valdeorreses medallistas nesta tempada en probas nacionais e internacionais: Belén García, Leticia Gil, Mónica Yáñez, Luis Nogueira, Carlos Revuelta, Eva Arias, Raquel Lameiro e Leticia Fernández.

O Periódico O Sil entregaba nesta edición os trofeos aos mellores valdeorreses absolutos que recollían Alejo Ares e Marta Ballesteros, así como os dos corredores máis pequenos da proba, na categoría de nenos e nenas de menos de 3 anos. Neste caso correspondíanlle a Martina e Mateo.

 

Alejo Ares (Club Adas), entrando en meta./ Foto: Carlos G. Hervella.

Esta XXXII Milla Urbana “Festas do Cristo 2018” ten sido organizada polo Concello do Barco coa colaboración do Club Adas-Proinor, a Federación Galega de Atletismo e a Delegación Valdeorresa desta mesma federación. Para garantir a seguridade no seu decurso contábase co colaboración da Policía Local, de Ambulancias Sil e do GES Valdeorras, entre outras entidades.

O presidente da FGA, Isidoro Hornillos, que seguía o desenvolvemento da Milla a pé de circuíto facía un balance moi favorable desta edición, resaltando a traxectoria desta proba deportiva, que forma parte do calendario galego e nacional, así como a súa calidade, gran ambiente e alta participación.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://osil.info/a-vibrante-xxxii-milla-urbana-do-barco-en-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button