CulturaCulturaÚltima hora

Alfonso Almendros gaña o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2017

O certame promovido polo Outono Fotográfico premia ao ensaio fotográfico To Name of Mountain
Xurado do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2017. /Foto: Ángel Sotelo.

Co obxecto de promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento, o festival Outono Fotográfico convoca cada ano o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Un certame que pretende “promover a creación dun espazo fotográfico que complemente o creado durante máis de tres décadas polo festival mediante o incentivo de propostas de carácter visual-fotográficas, sen límite en canto á técnica ou á estética, por parte de autoras e autores tanto nacionais como estranxeiros”.

Neste sentido, tal como explican dende o propio festival, o traballo de Alfonso Almendros “entronca á perfección co obxectivo do Premio”, de aí que fora elixido polo xurado como gañador desta edición. To Name of Mountain “é un documental ficcionado cunha linguaxe arrasadoramente contemporánea no que o autor fai unha pesquisa sobre a viaxe polas Montañas Rochosas feita en 1863 por Albert Bierstadt e o seu amigo Fitz Hugh Ludlow. Almendros equipara a dificultade de alcanzar o cumio e de poseer a montaña co amor que en segredo profesaba Bierstadt pola compañeira do seu amigo”.

O Premio consiste na produción dunha exposición e a edición dun libro, ademais da posta en valor do traballo itinerando a mostra durante 3 anos e distribuíndo a publicación. A exposición resultante do ensaio de Almendros inaugurarase en decembro na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (Lugo), no marco do festival Outono Fotográfico para logo comezar a itinerancia polas cidades galegas así como outras localidades de España e Portugal.

 

Foto de Alfonso Almendros.

 

Outra fotografia do gañador do Premio.

Artigos relacionados

Back to top button