CulturaCulturaÚltima hora

Alfonso Blanco: “Esperamos que “Cuñados” sexa unha gran comedia galega”

Este produtor petinés, director xeral de Portocabo, amosaba no OUFF as primeiras imaxes da súa nova película "Cuñados", rodada en Ourense

Alfonso Blanco, no 25 OUFF onde daba a coñecer as primeiras imaxes do seu novo proxect “Cuñados”./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Apenas un mes despois do remate da rodaxe na cidade en Ourense de “Cuñados”, o seu produtor, o valdeorrés Alfonso Blanco “Fosco” (director xeral de Portocabo), presentaba en primicia as primeiras imaxes deste filme na gala de clausura do 25 Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF). “Isto vén do forno quentiño, vístedes un extracto de 5 minutos dos primeiro 20 minutos da película, que é o que temos agora mesmo”, dicía amosar o seu agradecemeto ao festival ourensán “por existir. Son 25 anos e nas actuais circunsntacias hai que ser resilentes, así que noraboa”.

Blanco tamén lembraba primeira edición do OUFF con Eloy Lozano “na que eu mesmo, estudando aquí en Ourense, colaborei así que imaxinádevos o orgullo agora de estar aquí mostrando en primicia a longametraxe que vimos de rodar”, resaltaba.

Así mesmo, agradecía o apoio dos socios desta película, dirixida por Toño López, que son TVE, TVG, Agadic, Deputación de Ourense e Filmax. “Quero facer unha mención especial á Deputación polo empuxe e a axuda que nos brindou. Rodar nestes momentos é algo complicado, unha rodaxe sempre é complexa e nas actuais circunstancias, aínda máis”.

Este produtor petinés tamén recoñecía que “Cuñados” supón ademais “unha maneira de pagar unha débeda porque eu como ourensán que son, levo 25 anos rodando por media España, medio mundo, e nunca rodara nada aquí. Era unha débeda que tiña que cumprir e tocou con esta comedia. Ourense brindounos o que sempre, é unha cidade volcada coa cultura e debe seguir sendo así, e máis en momentos como estes. É moi importante non deixar de lado á cultura. A experiencia foi unha ledicia, institucións, persoas, empresas colaboraron e se volcaron para poder facer o que esperamos que sexa unha gran comedia galega”.

 

 

Blanco lembraba que “en Galicia temos unha longa tradición de comedia, no teatro, nos contacontos, na televisión con esas grandes series como “Mareas vivas”, “Padre Casares”… que tamén tiven o pracer de producir. Sen embargo, penso que en cine non hai tanto como no resto da sociedade. Somos unha sociedade que afronta a vida con humor, retranca. Entón a idea con esta película era volcar un pouco esa ideosincrasia galega e facela como moi ourensá. Tiven tamén o pracer de volcar partes un pouco autobiográficas, con música de Lamatumbá, o Coren Ourense dos meus amores que tamén ten un oquiño na película”.

“Cuñados” ten prevista a súa estrea nos primeiros meses do 2021. “Confiamos en estar aquí coa premiere mundial, esperamos tamén poder estar facendo unha estrea a nivel europeo-mundial no Festival de Berlín e confiamos tamén en que a película se converta nun éxito de público e que devolvamos un pouco a Ourense o moito que nos deu nestes últimos dous meses”, concluía Alfonso Blanco.

Máis información e fotos:
https://osil.info/o-ouff-pecha-a-sua-25-edicion-con-premios-e-reivindicando-a-ourense-como-plato-de-cine/

Artigos relacionados

Back to top button