En portadaOurenseÚltima hora

Alfonso Blanco: “O Premio OUFF Ourense dalgunha maneira pecha un círculo”

O produtor valdeorrés era un dos galardoados na gala inaugural do Ourense Film Festival, presentada por Lucía Álvarez

 

Cun percorrido en imaxes por algunhas das últimas películas rodadas na provincia nos últimos anos arrancaba o 26 OUFF (Ourense Film Festival) ás 20:30h. deste venres 24 de setembro no Auditorio ourensán. Deste xeito poñíase en valor á provincia como “plató universal de cinema, punto de encontro do audiovisual galego e porta de saída cara novos escenarios nacionais e internacionais”, tal e como destacaba a presentadora do evento, Lucía Álvarez, actriz e directora natural de Mouruás (San Xoán de Río), que xa presentara a gala de clausura do 25 OUFF.

No decurso desta inauguración do festival, salpicada de teatro (da man do grupo Trécola), música e recoñecementos, tamén se facía unha sentida homenaxe a figuras como Fernando Fernán Gómez e Luís García Berlanga, que estarán presentes nesta edición por mor do centenario do seu nacemento.

A primeira das intervencións do acto corría a cargo do vicepresidente da Fundación Carlos Velo e director artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández, quen se refería ás dificultades que supuxo a organización desta edición da mostra, resaltando que “abrimos as portas cun equipo humano absolutamente entregado e que funciona coa precisión dun reloxo suízo dos de antes”. Posteriormente, apuntaba os piares fundamentais deste festival, comezando pola “senda da internacionalización, coa mirada neste caso en Portugal e México, que se suman á de Francia”; “a porta de saída de produción galega cara o exterior” e a “consolidación de Ourense como plató de cine”. Fernández cualificaba ao OUFF de “fiestra transversal arredor da cultura audiovisual” e adiantaba que “imos poñer en valor o rico pasado histórico do noso festival”.

 

Miguel Anxo Fernández, director artístico do OUFF.

 

Logo, Lucía Álvarez, vestida de Adolfo Domínguez, ía dando paso aos diferentes momentos dunha gala na que a emoción dos premiados convertíase en fío condutor. E é que ata catro foron os premios, obras de Manuel Buciños, entregados durante o acto, entre eles o do valdeorrés Alfonso Blanco “Fosco”, que recollía a distinción de mans de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura.

Este produtor, natural de Freixido de Abaixo (Petín), agradecía o recoñecemento, que lle adicaba á súa compañeira Eva, e aseguraba que lle facía moita ilusión, “é unha horna recibir este premio na casa”, indicando ademais que contribúe a dignificar e darlle visibilidade á profesión de produtor. Recoñecía o mérito do OUFF por “ter chegado ata aquí”, lembrando de xeito especial a primeira edición do festival, na que “estivera como cineclubista militante”. Ademais resaltaba a relevancia de que esta mostra “perviva” e de que “teña unha actividade recorrente, como agora sucede”.

Finalmente, Blanco sinalaba que, “dalgunha maneira, este premio pecha un círculo”. Explicaba como no ano 1989 se estreaba como “o junior da directiva do Cine Club Padre Feijóo”, mentres estudaba Empresariais na cidade de Ourense, e “eses cinco anos nos que estiven foron o xerme do gusanillo que me picou para poder dedicarme a isto. Eses inicios foron os que me axudaron a apaixoarme polo cinema”. Finalmente, e a modo de primicia, anunciaba que o exitoso filme “Cuñados”, que supuxo a súa primeira rodaxe na provincia, “terá segunda parte”.

 

Alfonso Blanco no momento de recibir o Premio OUFF Ourense.

 

Ademais a actriz lusa Leonor Silveira recolleu a Calpurnia de Honra Internacional de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Luma Gómez, Premio da Fundación AISGE a toda unha traxectoria, recibiu o seu galardón de Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia. A entrega completouse co primeiro Premio OUFF Chano Piñeiro que recaeu en Beli Martínez. Luz Montes, a viúva de Chano Piñeiro, e Carmen Leyte foron as encargadas de facerlle a entrega.

 

O presidente da Deputación cos premiados nesta gala.

 

O toque musical do acto veu da man do dúo Cómplices, que interpretaron a piano e voz varias cancións do seu repertorio. Foi o caso de “Un lugar en el mundo”, “Rosa gnóstica”, “Hombre lobo” e “Poeta Universal”. Momento especial da cerimonia no que cine, música e literatura, presentes todos nesta edición, se uniron foi a lectura dun dos poemas de Rosalía de Castro, do libro “Follas Novas” por parte de Lucía Álvarez con Teo Cardalda ao piano.

Ademais Lucía Álvarez anunciaba o novo e ilusionante proxecto no que está a producir xunto á pianista Rosa Torres-Pardo: un documental sobre a espada de Mouruás, unha valiosa peza prehistórica de bronce atopada na aldea da actriz. Esta produción conta co apoio da Deputación de Ourense.

 

A actriz Lucía Álvarez, na presentación da gala.

 

A estrea da longametraxe Malencolía poñía o punto final á unha gala que serviu de repaso aos rodaxes que pasaron por Ourense. O seu director Alfonso Zarauza e parte do elenco de actores da película subiron ao escenario antes da proxección para presentala diante do público presente no Auditorio.

 

O equipo de “Malencolía” con Manuel Baltar.

 

Ourense volcouse un ano máis cun OUFF que, na súa 26 edición, quere achegarse cada vez máis a un público fiel e comprometido. Foron moitas as caras coñecidas, representantes do mundo audiovisual galego e tamén os rostros anónimos que quixeron participar na gala inaugural tanto no patio de butacas como no photocall que este ano se colocou no exterior do Auditorio para que os verdadeiros protagonistas do festival, os espectadores, pudieran gozar da alfombra azul. O cine, en definitiva, patrimonio de todos.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo que a 26ª edición do festival “significa a aposta máis importante do terreo cultural dunha provincia especialmente culta e vencellada á identidade, con capacidade de mirar ao futuro e á vangarda desde a esencia da súa historia”. Lembrou que Ourense “é a provincia da Xeración Nós e a provincia que, desde a Deputación, en próximas datas, alumeará proxectos xa consolidados como é a sétima edición da “Ourense ICC Week” ou proxectos que vencellan a este territorio coa vangarda tecnolóxica como a “Ourense Mobile Week” que, grazas ao acordo co “Barcelona World Mobile Congress”, celebraremos nos anos 2021, 2022 e 2023”.

 

O presidente da Deputación Manuel Baltar.

 

“Ourense é o berce do cinema en Galicia”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense, quen sinalou que “as alianzas coa Academia Galega do Audiovisual e fornecer esta iniciativa con convenios co cinema francés, ou a francofonía, mesmo a lusofonía, a internacionalidade destas edicións, dez premieres que se van a ver en Ourense nestas datas, demostran a gran capacidade organizativa da Deputación de Ourense e da Fundación Carlos Velo”.

A 26ª edición do Festival de Cine de Ourense “non esquece aos grandes do cine español”, afirmou Baltar, lembrando que dentro da programación desta edición “conmemoraremos os cen anos do nacemento de Fernando Fernán Gómez e de Luís García Berlanga, premiaremos a Enrique Cerezo polo seu labor de conservación do patrimonio audiovisual español e cinematográfico, e tampouco esqueceremos a internacionalidade da sétima arte co premio que hoxe entregamos á actriz portuguesa Leonor Silveira”.

Con esta gala dase comezo “a nove días de cine, de Ourense, de dar visibilidade a este territorio e, sobre todo, a nove días de interconexión co público ourensán que vai ter a oportunidade de ver en rigorosa estrea mundial películas que seguramente serán premiadas nos vindeiros meses en certames de carácter internacional”, destacou o presidente da Deputación de Ourense.

Comezan as proxeccións

Dende mañá, sábado, ata o vindeiro venres, 2 de outubro, a cidade de Ourense será de novo epicentro dunha semana de cine, talleres coma o de Carlos Velo, o CEMAC e o estudo CIMA sobre a representación e a representatividade das mulleres no audiovisual galego coordinado por Mariana Carballal, actividades paralelas, exposicións, rutas, literatura, sesións especiais e cine, moito cine. Historias que se estrearán en Ourense (16 estreas, 10 delas a nivel mundial), longametraxes que se poderán ver por primeira vez na cidade e que que veñen de ser premiados en festivais como Venecia, a Berlinale e Cannes, comedias, thrillers, documentais… Un total 71 obras audiovisuais, 33 pezas galegas e títulos de primer nivel dentro da filosofía do OUFF que traballa para ser “unha festa transversal arredor da cultura audiovisual”.

Haberá cine e máis premios fóra da sección oficial de longametraxes e curtos. O músico Sergio Moure recibirá o Premio OUFF Especial desta edición, a Calpurnia de Honra, o galardón máis importante do festival, irá a mans do director Gonzalo Suárez (Teatro Principal, o vindeiro luns 27). O martes, adirectora Ainhoa Rodríguez será premiada co Premio Eduardo Barreiros que recoñece á mellor ópera prima do cine español e o mércores será o momento para Jose Coronado, que recibe o Premio OUFF Televisión. Enrique Cerezo recibirá o Premio OUFF Memoria do Cine Español e o presidente do xurado de Sección Oficial Iván Trujillo, o Veliano de Honra que outorga a Fundación Carlos Velo.

Imaxes cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button