EntrevistasÚltima hora

Alfonso Rueda: “O Xacobeo 2021/22 será o motor da reactivación”

O modelo turístico galego aposta pola “calidade e pola sostibilidade”, di o vicepresidente primeiro da Xunta, que considera clave o papel deste sector na recuperación económica de Galicia

Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo.

 

Unha das claves da recuperación económica de Galicia tras a crise derivada do Covid-19 será o turismo. Así o destaca o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda (Pontevedra, 1968). “Aproveitando a celebración do Xacobeo vaise converter no motor de recuperación tanto deste sector, un dos máis afectados polos efectos da pandemia, como da economía galega en xeral”, asegura.

Nesta entrevista adianta tamén as medidas que está a implementar a Xunta para impulsar o desenvolvemento futuro do turismo, tendo en conta ademais o potencial do rural e da montaña nas novas demandas, así como o interese crecente do turismo industrial e do viño. E, nese senso, resalta o papel dos concellos, aos que anima a “seguir traballando de xeito conxunto, usando a ferramenta dos xeodestinos”, para lograr unha oferta diferenciadora de cada territorio.

Nun proceso de reactivación fronte á crise do Covid, ¿que importancia teñen os fondos de recuperación europea? ¿como valora o papel das comunidades autónomas nesa xestión e, máis en concreto, o caso de Galicia?

Os fondos Next Generation son unha oportunidade para a recuperación que debemos aproveitar e desde a Xunta enfocámolos como a ocasión idónea para transformar a economía na próxima década. O turismo será un dos sectores que pode darnos boas noticias a curto prazo e o Xacobeo 21-22 será o motor da reactivación económica tras a pandemia do Covid-19.

A oportunidade de contar cun Ano Santo dobre contribuirá a que os turistas volvan confiar en Galicia e vimos traballando para reforzar a mensaxe de que este é un destino seguro con medidas como o seguro coronavirus, que cobre os gastos derivados dunha infección por Covid. Temos claro que para que este sector cree riqueza en Galicia ten que seguir evolucionando e, por iso, no ámbito turístico presentamos proxectos para optar aos fondos Next Generation relacionados con melloras nas infraestruturas turísticas ou coa creación de produtos vinculados a un turismo sostible; á mitigación do impacto da crise no sector con ideas para estimular a demanda; ou á implantación de novos modelos turísticos, con especial atención ás distintas rutas do Camiño de Santiago.

¿Os cambios nos modelos e destinos turísticos favorecen á comunidade e, máis en concreto, á Galicia interior e ao rural?

O turismo, aproveitando a celebración do Xacobeo 21-22, estamos seguros de que vai converterse no motor de recuperación tanto deste sector, un dos máis afectados polos efectos da pandemia, como da economía galega en xeral. Trátase dun sector que representa máis do 10% do PIB galego e agardamos que o impacto económico sexa cada vez máis perceptible a medida que avanza este segundo semestre e, especialmente en 2022, coa recuperación do turismo estranxeiro.

Neste senso é previsible que poidan experimentar unha evolución positiva aqueles segmentos do turismo que, polas súas características, cumpren coas expectativas e as prioridades do novo viaxeiro pospandemia: destinos non masificados, en contacto con espazos abertos e coa natureza, que garantan a súa seguridade sanitaria e que ofrezan paquetes turísticos adaptados ás súas novas necesidades.

Nesa liña o turismo rural galego parte dunha boa posición de saída, o seu comportamento no seu conxunto no 2020 e no que vai de ano, nunha situación de caídas xeralizadas en todos os segmentos e en toda España, foi mellor que en moitos outros destinos. Desde a Xunta estamos a traballar coa posta en marcha de medidas como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia ou Elixe Galicia para estimular o consumo interno, o que suporá entre ambas iniciativas unha inxección de máis de 10 millóns de euros directamente no sector turístico ao remate do ano. En definitiva, contamos cos recursos turísticos, contamos co sector e puxemos en marcha medidas para incentivar a recuperación.

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de setembro do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button