Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Alfonso S. Palomares: “A Ourensanía é algo tan difícil de definir como tan sinxelo de sentir”

O xornalista e escritor natural de Calvos de Randín recibía, na mañá do 11 de novembro, o Premio Ourensanía 2019

 

Na mañá do 11 de novembro, festividade de San Martiño, o xornalista e escritor Alfonso Sobrado Palomares (Calvos de Randín, 1935) recibía o Premio Ourensanía 2019, un galardón que concede a Deputación de Ourense como “recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais”. Nesta ocasión foille outorgado a Sobrado Palomares pola súa “ampla traxectoria nos ámbitos literario e xornalístico, que transcenderon os límites de Ourense e de Galicia”, xa que a pesares de desenvolver parte da súa vida profesional fóra de Ourense, “sempre estivo vencellado a súa terra e ás súas orixes”.

No acto oficial de entrega do premio celebrado no Teatro Principal de Ourense, que contou coa participación do presidente da Deputación, Manuel Baltar, e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o titular do goberno provincial destacou que Sobrado Palomares “é un dos máis destacados periodistas da transición, un militante da excelencia da palabra”, e salientou que a súa traxectoria “é un servizo ao cerne do verdadeiro xornalismo, contar a realidade tal e como é”. Destacou del “o seu labor no ámbito da comunicación e tamén na creación literaria, cuxo traballo vai desde o ensaio ao xénero biográfico, e do exercicio memorialismo á narrativa, nomeadamente a novela”, e dixo que este é un acto “de xusto recoñecemento, de auténtica paixón ourensá, sobre un dos máis destacados periodistas da transición, impecable etapa histórica que algúns tentan, agora, desvirtuar sen coñecemento de causa e sen teren loitado, como Palomares, por unha liberdade de expresión e de opinión que houbo que arrincarlle á ditadura; que non se concedeu por obra e graza”.

 

Actuación de Lorena Lores.

 

O acto arrancaba coa recepción oficial dos convidados na Deputación, amenizada pola Real Banda de Gaitas e continuaba xa no Teatro coa gala presentada por Juan Maceiras. A voz de Lorena Lores abría o programa que continuaba coa proxección dun vídeo do premiado, antes de que os presidentes da Deputación e da Xunta entregasen o premio ao galardoado desta edición, consistente nunha figura de bronce do escultor Xosé Cid. Co premio na man, Palomares expresou o seu agradecemento á Deputación de Ourense, ao seu presidente e ao xurado, afirmando que este galardón “márcame na pel do sentimento unha marabillosa tatuaxe”, e expresou que a Ourensanía “é algo tan difícil de definir como tan sinxelo de sentir”, un sentimento que levou consigo por todo o mundo desde a súa nenez vivida en Paradela (Calvos de Randín), “porque o que se vive na infancia  condiciona o noso futuro, pois permanece en nós de maneira constante”, engadiu, salientando que Ourense “sempre foi a miña capital sentimental e agora vaino ser aínda máis, con máis forza”.

 

Alfonso Sobrado Palomares (Calvos de Randín, 1935) recibindo o Premio.

 

Na súa intervención, o presidente do goberno provincial fixo un percorrido pola traxectoria profesional de Sobrado Palomares relatando que desde comezos dos sesenta do pasado século, cando botou a andar a Axencia Radial Press en Madrid, ata a responsabilidade de presidir a Axencia EFE desde 1986 a 1996, “o seu labor foi un servizo constante e leal ao cerne do verdadeiro xornalismo, ir á procura da realidade para contala tal e como é, sen pararse nos riscos e sen dobregarse diante da censura represora. Non en van foi procesado cinco veces”, e lembrou que as cabeceiras de revistas que fundou e impulsou, como Sábado Gráfico, Cambio 16, Ciudadano, Posible, Leer e outras “falan do inxente labor de quen segue a ser un clarividente analista, un pura sangue dos medios”.  “Mais non para aí a súa traxectoria”, afirmou Baltar, porque “a política internacional, un dos campos da súa especialidade, permitiulle tratar e entrevistar aos principais líderes do mundo: Ben Bella, Yaser Arafat, Willy Brandt, Netanyahu, Fidel Castro ou Shimon Peres. Amigo e biógrafo de Felipe González, frecuentou tamén a Gabriel García Márquez, Camilo José Cela e outros escritores aos que retratou cun estilo elevado e directo, sobrio e incisivo”.

 

O galardoado durante a súa intervención.

 

Manuel Baltar subraiou que “premiamos a un militante da excelencia da palabra, consecuente coas raíces, que defende ao xornalista por riba de todo, “porque, como el di: A pesar das vantaxes e dos condicionantes tecnolóxicos, o xornalista segue a ser o elemento básico e imprescindible, xa que sen el non hai información”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encargado de clausurar o acto, afirmou que “sentímonos moi orgullosos do que Alfonso S. Palomares fixo, fai e fará”, destacando no seu discurso ao xornalista como “fundador de tantos proxectos periodísticos pero, por riba de todo, fundador de convivencia”, “alguén que define a Ourense como “capital do seu mapa sentimental e cuxo galeguismo é capaz de ensamblar as nosas identidades nun mosaico marabilloso, que debemos perpetuar”. Alberto Núñez Feijoo destacou a Palomares como “un dos homes e dos nomes da transición democrática española”, e rematou a súa intervención felicitando á Deputación de Ourense e ao seu presidente “por este acto fermoso, do que a xeración de Antón Losada  iéguez se sentiría orgullosa”.

 

O presidente da Deputación Manuel Baltar.

 

O acto, ao que tamén asistiron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e destacados persoeiros do ámbito institucional, social e cultural, contou tamén coa actuación da Coral De Ruada, que interpretou dous temas ao remate da gala: Ourense ao lonxe e o himno da provincia, Ourense no solpor.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

 

Artigos relacionados

Back to top button