OurenseÚltima hora

Alfredo Conde, Fillo Predilecto da Provincia como “ourensán respectado, admirado e benquerido”

O escritor alaricano recibía no Pazo Provincial unha distinción “que me honra e me obriga para os resto dos meus días”, dixo

 

Na tarde deste luns 25 de outubro, o escritor alaricano Alfredo Conde Cid recibiu o título de Fillo Predilecto da Provincia de Ourense, nun solemne acto presidio polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, os portavoces dos grupos representados na corporación provincial, familiares e amigos do homenaxeado e representantes de entidades culturais ourensás e galegas. Unha distinción impulsada polo propio presidente provincial, confirmando así a condición de Alfredo Conde como “ourensán respectado, admirado e benquerido, pero non só nos límites territoriais desta provincia”.

No seu discurso, Manuel Baltar apelou á Ourensanía como “un sentimento de pertenza a unha terra, a un pobo e a unha cultura bimilenaria viva, que perdura, da que Alfredo Conde forma parte activa e destacada”, afirmando que no espírito desta distinción atópase a figura dun ourensán que “endexamais traballou pensando nos premios, nas medallas e nos galardóns”, tomando estas palabras do fundador do movemento Solidariedade e expresidente polaco, Lech Walesa.

Puxo de relevo “o abraiante labor do Alfredo Conde novelista, poeta, dramaturgo, guionista, entrevistador, viaxeiro e constante articulista na prensa de Galicia e noutras importantes cabeceiras de España e de Iberoamérica”. Un persoeiro, dixo, “que destaca no sistema literario galego, e tamén no español, pola calidade, variedade e alcance dunha obra amplamente traducida ao inglés, francés, italiano, chinés e ruso, con nada menos que once títulos”.

 

 

Alfredo Conde comezou a súa intervención expresando a súa “gratitude sincera cara Manuel Baltar, presidente que é da miña provincia e que ten no meu entender a comprensión abondo necesaria como para levar adiante os proxectos que a nosa nación cultural reclama”, destacando a súa sensibilidade “cara os temas referidos á nosa cultura máis propia, prestándolle unha atención e medida tal que nos obriga a todos a manter mil esperanzas para o futuro común, con moita máis confianza que na maioría dos políticos que nos rodean”. Unha gratitude que tamén dirixiu cara o presidente da Xunta, “o presidente do meu país, pola súa asistencia e amizade coa me distingue, así como a sensibilidade sempre precisa e necesaria nun político cara os actos que reflictan a condición cultural dos cidadáns”.

Agora, dixo, “esta distinción que me honra e me obriga para os resto dos meus días”, afirmando con humildade que moito teñen que ver “un feixe de rapaces que fixemos o bacharelato no instituto do Posío, que vivimos os tempos inmediatos á cruel guerra civil, que formamos parte dun amplo conxunto de amigos con indiferenza das opcións persoais de todo tipo, e que recorreron os 92 concellos da provincia recollendo as sinaturas que deberían presentar ao noso presidente provincial solicitando para min este título”.

Entre os ourensáns que merecen esta distinción, entre os que incluíu aos seus compañeiros de promoción que desde os máis diversos ámbitos “axudaron a solventar a frustación dicíase secular do noso territorio”, afirmou que hai outros escritores máis, citando expresamente a Xosé Carlos Caneiro, autor da Laudatio. Os homes pasan mentres permanece a cultura, declarou, “e de nós sobrevivirá aquilo que teña que ver coa nosa dedicación literaria, axudando a construír a nación que necesitamos, a manter a nación cultural que herdamos dos nosos devanceiros e que recibimos nun estado de pureza que acaso hoxe non estea debidamente conservado”.

 

O escritor Alfredo Conde co título.

 

Un escritor recoñecido internacionalmente

Alfredo Conde (Allariz, 1945), estudou na Escola Superior de Náutica na Coruña e na Universidade de Santiago de Compostela, traballando na mariña mercante, como profesor en varios colexios e mesmo exercendo como libreiro e debuxante. O seu recoñecemento está vencellado ao ámbito literario, sendo un dos máis importantes expoñentes do renacemento en literatura galega producido coa restauración democrática, así como un dos autores de maior proxección internacional das letras galegas contemporáneas, tendo cultivado os xéneros da novela, o relato e a poesía.

Na súa faceta de novelista destacan obras como “Momentos de vivos”, “Breixo”, “Memorias de Noa”, “Xa vai o grifón no vento”, “ O contubernio”, “Sempre me matan”, “ Azul cobalto”, “Memorias inciertas del hombre lobo” ou “Hueso de santo”, moitas das cales foron traducidas ao inglés, taliano, chinés, francés e once das súas obras ao ruso.

A súa obra literaria ten acadado varios premios e distincións, como os Premios da Crítica Literaria Española e de Galicia (1981), Premio Banco Amor (1984), Premio Nacional de Literatura (1986), ou o Premio Nadal (1991). Tamén recibiu a distinción de Doutor en Letras Latrube Univertity of Melbourne (Australia), o premio Internazionale Civilta delle Minorancia, a distinción de Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras de Francia ou o Gran Cordón da Orde do Mérito, concedido polo Goberno de Caracas (Venezuela).

Artigos relacionados

Back to top button