ConcellosÚltima hora

Alfredo García, alcalde do Barco: “A intervención da residencia de maiores era necesaria e xa se pedira dende o Concello”

Ademais, en resposta ao PP barquense, lembra que para mañá está convocada unha reunión de portavoces por videoconferencia na que poden pedir información

O alcalde do Barco, Alfredo García./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende o Concello do Barco valórase de maneira positiva a intervención por parte da Xunta de Galicia da residencia da terceira idade do Barco para convertela nunha residencia integrada.

“Isto xa se tiña pedido dende o Concello indicando que había un problema co que xa levamos unhas dúas semanas. Na residencia tiñan moitos problemas de persoal e iso non tiña moita solución se non se tomaba a decisión de intervir”, explica o alcalde do Barco, Alfredo García.

“Ao final, despois de varias conversas, neste senso, tomaron a decisión de intervila. Parecíame necesario porque con tan pouco persoal non se podía atender a tantos residentes e, sobre todo, a tantos residentes contaxiados”, indica o rexedor, que tamén nesta fin de semana solicitaba á Subdelegación do Goberno que a UME realízase unha nova desinfección deste centro de maiores, algo que se levaba a cabo na mañá deste domingo 12 de abril.

Resposta a petición do PP para celebrar unha comisión de Sanidade

Con respecto á nota de prensa emitida polo PP do Barco solicitando unha comisión urxente de Sanidade, o alcalde do Barco comenta que o pasado 6 de abril celebrouse unha xuntanza por videoconferencia dos catro portavoces dos grupos municipais do Barco.

“Non coñezo ningún concello próximo do PP, polo que me din os meus compañeiros na oposición, que tiveran unha reunión a través de videoconferencia cos portavoces, e nós tivémola o luns pasado e ademais quedamos citados para mañá, tamén luns, 13 de abril para repetir outra reunión. Polo tanto, todo o que se queira plantexar pode plantexarse aí e tamén pedir información porque, de momento, mentres non sexamos capaces de ter un programa informático que nos permita celebrar reunións oficiais de comisións por videoconferencia, non se poden celebrar. Precisamente ante esta imposibilidade o que fixen foi convocar estas videoconferencia de portavoces”, asegura Alfredo García.

O rexedor barquense considera ademais que “máis que información, o que quere o PP é sacar a cabeza para saír na prensa e dicir mira como nos preocupamos nós. Deberían mirar máis ao portavoz da oposición de Portugal e un pouco menos á política mísera”.

 

Artigos relacionados

Back to top button