PolíticaÚltima hora

Alfredo García entrega os avais para optar á secretaría provincial do PSdeG-PSOE en Ourense

"A experiencia destes catro días ten sido marabillosa e iso danos moitísima ilusión e esperanza para o día 23", asegura este candidato

Alfredo García, entregando en Santiago os avais á súa candidatura á secretaría provincial do PSdeG-PSOE en Ourense./ Cedida.

 

Alfredo García, alcalde socialista do Barco, entregaba na mañá deste 8 de xaneiro, na sede do PSdeG de Santiago, “o máximo número de avais permitidos (236)” para a presentación da súa candidatura á Secretaría do PSdeG-PSOE de Ourense. “Temos avais máis que suficientes, foi unha agradabilísima sorpresa a reacción dos compañeiros porque cando lles pedíamos o seu aval realmente facía falta falar pouco. Non só temos os 236 avais necesarios, senón que estamos moi preto dos 400 en 4 días de traballo. A experiencia destes días ten sido marabillosa e iso danos moitísima ilusión e esperanza para o día 23, que é o día no que os militantes de verdade van ter que falar e decidir en igualdade de condicións entre os dous candidatos que hai. E nós estamos convencidos de que falarán de que queren un novo partido para a provincia de Ourense no que a militancia sexa o primeiro”.

Ademais Alfredo García explicaba que “estamos detectando que os militantes de a pé non perciben que se conta con eles, e hai unha decepción, unha falta de sintonía coa dirección, e ese é o motivo polo que moitos compañeiros entendían que había que dar un paso á fronte e que eu era a persoa idónea para facelo, eu acepteino e para min é un orgullo. Eu levo toda a miña vida no partido socialista, sinto este partido e quero o mellor para este partido. E nós temos o compromiso de escoitar a todos, nós plantexamos outro nivel de participación e penso que aí vai estar a clave”.

O candidato comparecía ante a prensa en Santiago acompañado dos representantes da candidatura e diferentes cargos institucionais do PSdeG-PSOE na provincia, agradecendo á militancia a mobilización e a boa acollida do proxecto. García aseguraba que con este paso busca “abrir así unha nova etapa na provincia na que estean integrados tódolos militantes que poidan aportar algo, a partir da labor nos concellos e ampliándoa ó conxunto dos sectores sociais progresistas de cada comarca e concello”.

 

Artigos relacionados

Back to top button