En portadaPolíticaÚltima horaVídeos

Alfredo García presenta candidatura para optar á secretaría provincial do PSdeG-PSOE

Este reto supón para o alcalde barquense "unha dobre responsabilidade: asumir a responsabilidade provincial dende a comarca de Valdeorras"

 

 

“Que eu saiba, é a primeira vez que alguén de Valdeorras opta á secretaría provincial do PSdeG”, dicía o alcalde do Barco, Alfredo García en declaracións ao Periódico O SIL tras anunciar esta mañá en rolda de prensa que vai presentar candidatura ao proceso de primarias para a secretaría provincial do partido. O acto tiña lugar na sede do PSOE na cidade de Ourense, e o rexedor barquense estaba acompañado por membros da súa candidatura.

Alfredo García entende que este reto supón “unha dobre responsabilidade: asumir a responsabilidade provincial dende a comarca de Valdeorras. Tamén é unha forma de que Valdeorras estea na primeira plana que falta fai, porque ao final a todo o mundo se lle enche a boca de Valdeorras, pero despois por esta comarca fan pouco. Estar nun cargo de responsabilidade sempre facilita as cousas e sempre che dá oportunidade de chegar onde non se chega se non tes esa responsabilidade. Imos ver que pasa”.

Na súa comparecencia ante os medios, Alfredo García dicía que “hai que estar en política mentres se teña ganas e un sexa capaz de xerar ideas e ilusión, eu teño ganas e ideas e esa é a razón pola que decidín dar este paso”. Tamén explicaba que “sempre fun reacio a participar na vida orgánica e a ocupar cargos de responsabilidade política e, nese senso, teño sufrido ás veces comentarios de que parecía que non me quería implicar. Polo tanto, antes de rematar a miña carreira política, quero dar este paso, participar, comprometerme e intentar lograr algo que creo que agora non está sucedendo no meu partido, no partido de toda a miña vida, no que son militante dende 1983”.

 

 

“Quero que o PSdeG-PSOE sexa o partido dos miliantes”

García (que estaba acompañado na rolda de prensa, entre outras persoas, por Aquilino Domínguez e Luís Milia) cre que o partido socialista “merece ser máis importante do que é nestes momentos nesta provincia. Quero o sexa o partido os militantes, onde se sintan importantes e sintan queridos, atentidos pola dirección incluso diría máis, que se sintan mimados. Eu quero o partido socialista sexa crible para os cidadáns, que medre, que teña máis militantes, que a xente queira participar en política dende o partido socialista porque pensen que pode ou vai a ser a solución aos problemas que ten esta provincia. E quero que sexa un partido municipalista. Dediquei toda a miña vida política a estar en cargos, en postos municipalistas. Sempre fun alcalde e logo presidente da Fegamp, que era seguir no mundo dos municipios, porque onde verdadeiramente lle prestamos servizos aos cidadáns é nos municipios, e por iso quero que o partido socialista de Ourense sexa socialista e que aspire a gobernar na maioría dos concellos, incluída loxicamente a capital, e ademais como consecuencia dese medrar municipal terminará por caer a Deputación provincial”.

 

Alfredo García en Ourense, na presentación da súa candidatura./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“No meu proxecto teñen cabida todos os compañeiros que queiran estar”

Por outra banda, o alcalde do Barco presentábase como “co marchamo de ser unha persoa tranquila, que busca o consenso e, polo tanto, no meu proxecto teñen cabida todos os compañeiros e compañeiras que queiran estar, e aportar dende a honestidade, sen tapuxos, sen andar por detrás, todo o que veña de fronte, evidentemente, ten cabida neste proxecto porque aquí cabemos todos”.

Ademais aseguraba que o seu é “un proxecto de partido, global, sen personalismos e que mira ao futuro do partido e ao futuro de Ourense. Este é un proceso longo, eu agora manifesto a miña vontade de ser candidato ás primarias, dentro duns días proclamaranse os candidatos xa, logo haberá que recoller sinaturas. A partir de aí comezará o proceso de campaña, xa digo que nós iremos e intentaremos falar con todas as agrupacións para explicarlles o noso proxecto de traballo e finalmente chegará o gran día no que os militantes decidirán o que queren e nós contamos con que eles aposten por nós”.

Alfredo García dicía tamén que a súa candidatura “responde a unha serie de reunións que fixeron varios compañeiros de toda a provincia e na que elaboraron un manifesto para que a provincia de Ourense avance e que vai ser o xerme do noso traballo, da nosa proposta”.

Preguntado pola xestión do actual secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafael R. Villarino, García sinalaba que “a política da dirección do partido na provincia de Ourense é mellorable, pero eu non veño a falar do que pasou, senón do que vai pasar, non vou facer ningunha valoración pero se me presento é porque considero que hai moitas cousas que se poden mellorar”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button