PolíticaÚltima hora

Alfredo García repite novamente como candidato socialista á alcaldía do Barco

Nos últimos días tamén se confirmaban como cabezas de lista socialistas ás municipais en Valdeorras Luis Fernández na Rúa, Enrique Álvarez en Vilamartín, José Manuel González en Carballeda e Nacho González en Larouco

 

Alfredo García, candidato socialista á alcaldía do Barco.

O partido socialista continúa dando a coñecer aos seus candidatos ás vindeiras eleccións municipais na comarca de Valdeorras. Así  no caso do Barco volve repetir como cabeza de lista Alfredo García. O actual rexedor barquense repite unha lexislatura máis “con moita ilusión, gañas e traballo en favor da veciñanza”.

Alfredo García explica que “destacaría o gran traballo feito nestes anos no noso municipio que sufriu unha importante transformación que converteu a O Barco nunha cidade, con estrutura e servizos de cidade, pero aínda nos queda moito por facer e temos ideas e gañas de seguir traballando en favor da nosa veciñanza”.

Ademas incide en que “está en marcha xa o proxecto de circunvalación, que desconxestionará o tráfico no centro da vila e permitirá que os camións non se teñan que circular polo centro da cidade. A elo sumamos a nova autovía que nos unirá con Ponferrada, mellorando aínda máis as conexións ca meseta”, e indica “queremos facer unha cidade amigable e estamos traballando nos camiños escolares, porque queremos que os nosos nenos poidan ir camiñando o colexio. Queremos seguir peonalizando ou semipeonalizando as rúas do Barco e que convivan vehículos e persoas”.

A Rúa

No caso da Rúa tamén se mantén como cabeza de lista o seu actual alcalde, Luis Fernández Gudiña, quen se presenta por terceira lexislatura consecutiva co obxectivo de seguir desenvolvendo o seu proxecto para o municipio.

“Apostamos e seguirémolo facendo polas políticas sociais onde se incrementaron as horas adiadas a dependencia e axuda a domicilio nun concello que conta cun amplo número de poboación envellecida” e finaliza “tamén reforzamos as melloras para persoas con problemas de mobilidade e agardamos o apoio da veciñanza para seguir a acometer moitas máis melloras”.

O actual rexedor socialista remarcou que “nestes anos de traballo conseguimos varios obxectivos importantes como o de dotar dunha cuberta en condicións o pavillón municipal para poder practicar deporte sen problemas de goteiras, tamén arranxamos os importantes problemas no abastecemento e na rede de saneamento, ademais de acometer obras importantes nas diferentes aldeas e na OU-603, a rúa principal da capital”.

 

Luis Fernández, candidato socialista na Rúa.

 

Vilamartín

Asemade repite como candidato socialista á alcaldía de Vilamartín Enrique Álvarez Barreiro, quen nestes momentos é o rexedor do municipio. “Hoxe o concello de Villamartín de Valdeorras é a casa de todos” e “un dos puntos máis importantes a incidir nestes anos de goberno foi a redución da débeda que tiña o concello de Vilamartín. Pasamos de deber 1.600.000 euros a 200.000 e cuns orzamentos anuais que non alcanzaban a cifra que se debía, pero con moito traballo fomos quen de quitar a gran pedra que nos deixaran e que nos bloqueaba o camiño o futuro”, asegura.

O candidato socialista apunta que “a pesar de todas as trabas conseguimos facer obras en aldeas que non existían para o anterior goberno e fomos teimudos, destinando cartos para arranxar as rúas principais e as comunicacións e seguiremos traballando nese ámbito”, e finaliza “recuperamos as políticas sociais e seguiremos traballando para que os nosos veciños e veciñas teñan un futuro aínda mellor”.

 

Enrique Álvarez repite como cabeza de lista do PSdeG-PSOE en Vilamartín.

 

Carballeda de Valdeorras

Os socialistas repiten candidatura con José Manuel González Alijo en Carballeda de Valdeorras coa intención de facerse ca alcaldía despois de triplicar a súa presenza no concello nas pasadas eleccións de 2015.

O candidato di que se presenta as eleccións “para mellorar un concello totalmente abandonado polas políticas do PP”. Engade que as “nosas aldeas van quedando sen xente e sufrindo un despoboamento que prosegue agudizándose co paso do tempo, sen que ninguén faga nada por reverter esta situación”.

Considera que “os servizos sociais tampouco funcionan e non lle dan a cobertura necesaria a unha poboación maioritariamente envellecida e que merece un mellor trato por parte da administración local. Tampouco quero esquecerme das políticas de xeración de emprego, inexistentes nun concello que só da traballo a aqueles que lles bailan a auga”.

 

José Manuel González, candidato socialista en Carballeda de Valdeorras.

Larouco

Novo rostro á fronte da lista que o PSdeG-PSOE presentará en Larouco co fin de “dar un xiro político e evolutivo a situación actual deste concello co que tratar de espertar ao municipio”. A agrupación municipal socialista de Larouco elixiu a Nacho González Rodríguez como o seu candidato nas municipais.

Fillo de emigrantes, retornou fai máis dunha década o municipio e adícase a elaboración de viño natural, sen químicos nin aditivos e que exporta por toda a península e especialmente no estranxeiro. Nacho González explica que “o problema principal de Larouco a día de hoxe é a despoboación e o envellecemento da nosa poboación”. Aposta por “traballar en políticas de xeración de emprego, que actualmente non existen para o PP e axudar a fixar nova poboación a través dos nosos recursos, coma o viño, que queremos explotar para empresas e persoas da zona e non para empresas de fóra de Galicia coma acontece agora”. Tamén fala da necesidade de reforzar as políticas sociais porque non pode ser que dependamos da Xunta e a residencia de anciáns non de servizo a xente de Larouco que o precisa por falta de prazas”.

 

Nacho González candidato socialista á alcaldía de Larouco.

Artigos relacionados

Back to top button