PolíticaÚltima horaVídeos

Alfredo García: “Temos que mobilizar á militancia e facer que se sinta importante”

O alcalde do Barco abre en Valdeorras a súa campaña ás primarias á secretaría provincial do PSdeG-PSOE

 

O alcalde do Barco Alfredo García presentaba na tarde do 12 de xaneiro as bases do seu proxecto como candidato á secretaría provincial do PSdeG-PSOE de Ourense. Escollía deste xeito Valdeorras para iniciar a súa campaña ás primarias provincias deste partido, cuxo lema é “Escoitando á militancia, para que a provincia de Ourense avance”.

García comezaba a súa intervención presentándose e poñendo sobre a mesa a súa traxectoria política de 22 anos: alcalde do Barco dende 1999, voceiro provincial na Deputación, vicepresidente e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias. E, nese senso, destacaba o seu “talante negociador e a miña capacidade de convencer á xente de que xuntos somos máis fortes. Estamos aquí para resolver os problemas da xente e iso é o que quero facer no partido tamén”.

Ademais comentaba que este proceso de primarias que agora comeza a andar lle lembraba á campaña das eleccións municipais de 1999, cando se presentaba por vez primeira á alcaldía. “Iamos polas casas e dicíamoslle aos veciños ou cousa moi sinxela “se che gusta como está O Barco vota aos que están. E iso é o que lle plantexo agora aos compañeiros, se non estamos contentos con como está o partido é o momento de cambiar. E iso decídese o vindeiro 23 de xaneiro”.

 

 

Alfredo García compartía cos militantes valdeorreses o que “teño percibido falando cos compañeiros da provincia, que se senten desmotivados, desmoralizados, que pensan que o partido non conta con eles. E esa é a clave porque os militantes son o máis importante do partido”. Nese senso, o candidato plantexaba á necesidade de que o “secretario xeral do partido na provincia vaia ás agrupacións, ás grandes e ás pequenas, que faga reunións comarcais. Nestes últimos anos non tivemos nin unha soa reunión de alcaldes, por exemplo”.

 

 

E ante isto, as solucións que García defende como candidato á dirixir o partido na provincia de Ourense pasan por “mobilizar á militancia, facer que se sinta importante e que asuma o compromiso de ser socialista, de buscar ás persoas máis válidas de cada concello para que nos representen nas eleccións municipais. Temos que aproveitar a valía dos militantes e tamén da xente nova”.

 

 

Así, propón un “partido unido, aberto e democrático” no que todas as agrupacións locais e comarcais sexan tidas en conta para a toma de decisión, e sexan escoitados e onde a xuventude e as mulleres teñan un peso importante.

Polo momento, Alfredo García prefire non falar de membros da candidatura. “Agora estamos no proceso para elixir secretario provincial do partido, a comisión executiva elixirase no congreso previsto para o mes de febreiro e, polo tanto, o máis importante de todo isto é que toda a xente que está traballando e que se está volcando nisto comigo non pregunta por cargos. Non estamos falando de cargos, que eu creo que é algo que probablemente sexa algo insólito, pero creo que é o máis positivo deste proxecto”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button