ConcellosO BarcoÚltima hora

Alfredo García: “Valdeorras está aberta a colaborar máis co Bierzo, en Ourense non se nos fai moito caso”

O alcalde do Barco asegura que hai moita relación entre ambas comarcas e que "as fronteiras administrativas non poden determinar os servizos que recibe un veciño"

O alcalde do Barco, Alfredo García./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Valdeorras e O Bierzo temos que colaborar máis en moitas cousas”, asegura o alcalde do Barco, Alfredo García. “Hai moita relación entre ambas comarcas, non somos rivais, non nos facemos competencia, temos que potenciarnos a nivel turístico, a nivel laboral… Hai moita xente do Barco que a vai traballar ao hospital de Ponferrada ou persoas do Bierzo que vén a traballar ao hospital do Barco, e nas canteiras pasa o mesmo. Nós somos unha comarca natural e todo o que sexa potenciar esa relación entre a comarca natural do río Sil é positivo, non podemos vivir de costas Valdeorras e Bierzo. O Barco está moito máis preto e temos máis relación en moitos casos co Bierzo que coa capital, con Ourense, e ademais tampouco é que sintamos que nos faga moito caso en Ourense”, engade o rexedor barquense.

Alfredo García facía estas declaracións tras ser preguntado está mañá en rolda de prensa por un posible acordo en materia sanitaria que permitise que pacientes de determinadas patoloxías do Barco puideran ir ao Hospital do Bierzo, ao ser máis próximo que o hospital de Ourense. “É un tema que en teoría pode ser pero que haberá que valorar, non todas as casuísticas son iguais, non só dende o punto de vista da distancia, senón tamén dende o punto de vista de como funcione o procedemento médico”.

Ademais o rexedor barquense apunta que xa existe un convenio asinado no 2008 entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla León para compartir recursos sanitarios, que permite que pacientes de zonas de Valdeorras como Quereño (Rubiá), poidan ir ao médico no Puente Domingo Flórez (León). “É algo de lóxica, non ten sentido que un veciño faga 20 km e logo outros tanto de volta a casa para ir ao médico, cando cruzando unha ponte xa está no centro de saúde. Iso fíxose”. Ese mesmo convenio permite que pacientes da Alta Sanabria acudan ao servizos sanitarios de Verín.

 

O alcalde do Barco durante a rolda de prensa celebrada esta mañá./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Alfredo García considera que “as fronteiras administrativas non poden determinar os servizos que recibe un veciño, determinados servizos haberá que ir un pouco máis alá e asinar convenios de colaboración entre distintas administracións, neste caso dúas comunidades autónomas, para mellorar o servizo que lle prestan aos cidadáns, nun sentido ou noutro, porque ao mellor aos veciños do Puente tamén lles interesa vir ao hospital do Barco e non ir ao de Ponferrada, que lles queda máis cerca. Entón para moitas cousas que se fagan no Barco pois resúltalles máis cómodo vir aquí, porque veñen a case todo, a súa relación económica e comercial é maior co Barco e con Ponferrada”.

 

Artigos relacionados

Back to top button