Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Alfredo García: “Valdeorras existe e para a comarca este goberno foi o mellor goberno que tivo nunca”

O actual alcalde socialista do Barco e candidato á reelección participaba nun encontro coa cidadanía da súa vila acompañado polos cabezas de lista na provincia ás eleccións xerais e por Xoaquín Leiceaga

Das políticas e medidas sociais implementadas polo goberno de Pedro Sánchez falaba Ofelia Puente, secretaria de Política Social do PSdeG en Ourense, na tarde do 22 de abril no Teatro Lauro Olmo do Barco. Tamén lembraba como alá polo ano 1999 os socialistas barquenses iniciaban unha nova singladura e entraban na alcaldía deste municipio contra todo prognóstico. A súa era a primeira das intervencións dun acto no que se presentaba a Alfredo García como candidato á alcaldía do Barco e que contaba ademais coa presenza dos cabezas de lista do PSdeG-PSOE por Ourense ao Congreso, Marina Ortega, e ao Senado, Juan Carlos Francisco, e do voceiro socialista no Parlamento galego, Joaquín Leiceaga.

O seguinte en tomar a palabra era Juan Carlos Francisco, quen aseguraba que o partido socialista está “orgullosísimo dos seus candidatos en Valdeorras, esta é unha comarca de referencia con alcaldías históricas como a de Petín”. Ademais aseguraba que se presenta como candidato ao Senado “coa misión de defender esta provincia, que ten moitísimas eivas, vou levar a súa voz a Madrid”. Botaban man dos datos estatísticos de Ourense e nese senso incidía en que esta provincia “necesita unha discriminación positiva”.

Seguidamente, a cabeza de lista ourensá polo PSdeG ao Congreso, Marina Ortega, lembraba o labor realizado nos meses de goberno socialista en España, nos que “se lle deu voz aos colectivos máis castigados polos gobernos da dereita”. Entre eles citaba á mocidade, ao poñerse en marcha medidas como o Plan Retorno ou o Plan de Emprego Xove; aos pensionistas “que se lles subiu as pensións despois da ditadura do 0,25%”; ou ás vítimas da violencia de xénero cunha dotación económica no plan de estado contra a violencia nos orzamentos. “Fixemos políticas prácticas que incidiron na vida das persoas”, dicía, indicando ademais que “agora queremos encher as urnas de traballo por e para as persoas, de sanidade, de educación de medidas sociais. Nestas eleccións xogámonos un país de avance, que non volvamos para atrás”. E, antes de dar paso a Alfredo García, destacaba a súa veteranía como alcalde.

 

García comezaba lembrando a ilusión coa que entrou na alcaldía barquense alá por 1999, “e iso é o que quero transmitirlle aos novos candidatos que se presentan agora e aos que repiten. Hai que estar ilusionado, querer cambiar o teu pobo e, se estás convencido deses cambios que se necesitan, ese é o único camiño para que os veciños crean en nós”. Ademais referíase ás eleccións do vindeiro 28 de abril destacando que “son moi importantes, xogámonos seguir tendo ilusión e seguir vivindo na crise permanente na que nos meteron no 2010. Co noso voto podemos facer que pase e volvernos a ilusionar”.

Ademais o candidato socialista á alcaldía barquense defendeu a xestión de Pedro Sánchez asegurando que “dende que el chegou ao goberno en Valdeorras pasaron cousas”. E unha delas, lembraba, foi que “sacou do caixón o proxecto da circunvalación que levaba dous anos gardado en Madrid sen motivo. No ministerio buscárono, sacárono a concurso e está en proceso de adxudicación a obra máis importante que se vai facer nesta comarca. Valdeorras existe e para Valdeorras este goberno foi o mellor que tivo nunca”.

O acto pechábase coa intervención de Xoaquín Leiceaga quen eloxiou a “cualidade de Alfredo para, ao mesmo tempo que defende as ideas e políticas socialistas, lograr manter unha capacidade de relación cos nosos adversarios políticos”. E nese mesmo aspecto destacaba, xa en relación coas eleccións xerais, que a oferta socialista para o 28A “é que somos capaces de gobernar para unha maioría, confiando na xente e crendo que os principios da democracia hai que cumprilos”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button