EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Alibós amosa o seu labor a prol do castiñeiro á conselleira do Medio Rural

Esta empresa con sede en Monterroso (Lugo) centra a súa actividade na produción de castaña pelada e conxelada

No 2010 a empresa Alibós Galicia de Monterroso (Lugo) promovía o Proxecto Soutos. Consistía nunha colaboración cos propietarios dos castiñeiros para proporcionarlles un servizo integral, desde o asesoramento antes da plantación ata a comercialización, pasando polas fases intermedias de plantación profesional e recollida mecanizada. Deste xeito incidía na recuperación do cultivo tradicional do castiñeiro, algo polo vén apostando xa dende os seus inicios como empresa, no 2006.

Alibós Galicia dedícase á produción de castaña pelada e conxelada, destacando a elaboración de marrón glacé, conservas de castaña en xarope ou ao natural, cremas e purés, entre outros produtos. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, coñecía de preto a súa actividade na visita que realizaba ás súas instalacións na mañá do 13 de setembro. Nela destacaba a diversificación na oferta de produtos desta sociedade, o que a converte, aseguraba, nun referente no sector e no mercado internacional “xa que a día de hoxe o 95% da súa produción é exportada a países como Francia, Reino Unido, Suíza, Xapón, EEUU, Bélxica, Alemaña, Italia, Hungría ou Portugal”.

A conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, felicitaba aos xerentes de Alibós pola súa aposta de cara ás plantacións tradicionais de castiñeiros, xa que ademais dunhas 300 ha de soutos (tanto de nova plantación como rehabilitados) teñen en proxecto chegar ás 1.000 ha de souto xestionadas por eles mesmos. Unha aposta que contará co apoio do Medio Rural, segundo apuntaba a conselleira, “porque este tipo de empresas son exemplos a seguir para a xeración de emprego, riqueza e oportunidades no medios rural”.

Entre os obxectivos de Alibós están o fomento dos sistemas agroforestais e a súa preservación, o aproveitamento sostible dos soutos de castiñeiros, o mantemento da actividade agraria nas zonas rurais e o apoio a un produto galego de calidade amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button