EconomíaEconomíaÚltima hora

Allariz acollerá o I Congreso de Jóvenes Empresarios de Ourense

A cita celebrarase o 2 de febreiro no Hotel Oca Vila e contará coa participación de importantes firmas
Lois Babarro e Francisco García, na presentación.

Allariz acolleu hoxe, 10 de xaneiro, a presentación do primeiro Congreso de Jóvenes Empresarios de Ourense. O obxectivo desta iniciativa, din dende a organización, é o de “dar a coñecer os sectores estratéxicos, con potencial e futuro da provincia” así como difundir a cultura empresarial que hai ao seu redor e, ademais, “demostrar que en Ourense hai futuro”. Outras das finalidades deste encontro é a de fomentar o intercambio de experiencias e coñecer os modelos empresariais.

Os organizadores deste congreso foron os empresarios de AJE Ourense (Asociación de Jóvenes Empresarios) e celebrarase o vindeiro 2 de febreiro no hotel Oca Vila de Allariz dende, as nove e media da mañá, e nel terán cabida mesas de debate en tres sectores: téxtil, agroalimentario e tecnolóxico.

Tal e como dixo o presidente de AJE Ourense, Lois Babarro, nesta presentación, a mesa téxtil será conducida por Jorge Vázquez, membro da asociación e nela están confirmados dous representantes de firmas coñecidas como Adriana Domínguez, de Adolfo Domínguez, e Clemente Cebrián, de El Ganso.

Para os xoves empresarios, o sector agroalimentario é estratéxico na provincia e por iso queren facer “un chamamento social da súa importancia para acadar o apoio de todos”. A mesa deste sector estará presentada por un restaurador moi vencellado a Allariz, André Arzúa, e estará composta polo recoñecido restaurador Pepe Vieira; María Franqueira, do Grupo Coren e Ignacio Rivera, de Hijos de Rivera.

No eido da tecnoloxía, a mesa estará composta por Javier Taibo, representante de Egatel, que fará de moderador de Jesús Lage, de Everis; Iván Castro, de Bq, e José Luis Albo, de Indra.

Lois Babarro asegurou que este congreso está “orientado a que persoas con gran percorrido empresarial nos seus ámbitos, podan ensinar e dar consello, e que novos empresarios poidan aprender deles”. Así mesmo, quixo desterrar que en Ourense non hai bos exemplos pois “na provincia faise tecnoloxía que se exporta, o sector primario é espectacular e o téxtil está presente nos cinco continentes”. Babarro alentou a que os novos asuman retos empresariais da man de exemplos de segundas e terceiras xeracións de empresas “que internacionalizan, innovan, crecen e fan crecer”. Para finalizar, lembrou que as entradas ao congreso están dispoñibles na web do colectivo www.ajeourense.com

Pola súa parte, o alcalde de Allariz, Francisco García, recordou que Allariz non é alleo ao ámbito empresarial e froito dunha aposta pola diversificación e como “ten conseguido abrir unha dinamización económica e incrementar poboación a través de recursos, apostas singulares e o apoio ó desenvolvemento endóxeno”. García aproveitou para ofrecer “a vila de Allariz como marco para plasmar iniciativas que os emprendedores queiran desenvolver”.

Artigos relacionados

Back to top button