ConcellosÚltima hora

Allariz vivirá do 29 ao 31 de outubro un samaín “de medo”

O Concello, a Asociación Alonso de Paredes e os comerciantes e hostaleiros da vila deseñan unha programación especial para celebrar o ‘halloween’ á galega
Cartel da actividade.
Cartel da actividade.

O Samaín ou halloween é unha festa de orixe celta na que tradicionalmente se celebra a entrada no mes de novembro, popularmente coñecido como o mes dos mortos e dos defuntos. Así, en homenaxe a ese espírito misterioso, pasará Allariz un Samaín “de medo” cunha programación especialmente deseñada para a ocasión. Para fin de semana do 29 ao 31 de outubro, o Concello, a Asociación Alonso de Paredez e o colectivo de comerciantes e hostaleiros da vila deseñaron o programa “Allariz de medo”, con pasaxes do terror para adultos, obradoiros de decoración de cabazas para nenos e desfiles de cabazas e da Santa Compaña para toda a familia.

Nas xornadas do sábado 29 e do domingo 30, o Muíño do Burato converterase no foco dos pesadelos dos veciños. Con pases cada 20 minutos, haberá pasaxes do terror entre as 19:30 e as 21:30 horas e, posteriormente no muíño, o mesmo de 22:30 a 23:30 h. Iso si, estas actividades están dirixidas a público adulto.

O luns 31 haberá un obradoiro de decoración de cabazas para nenos e nenas de 17 a 19 horas na Praza Maior. Se chove, a actividade trasladarase á Praza de Abastos da vila. Posteriormente, a partires das 19 horas haberá un desfile de cabazas e ás 22 horas un percorrido da Santa Compaña con saída dende a Praza Maior. Por último, ás 23h. celebrarase un rito santificador no Campo dos Brancos.

En paralelo, a Asociación de Comerciantes e Hostaleiros de Allariz organiza tamén a actividade ‘Truco ou trato?’, a través da cal os nenos que acudan disfrazados aos comercios participantes obterán unha sorpresa.

Artigos relacionados

Back to top button