Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

Almuiña visita as obras dos novos centros de saúde de Paderne de Allariz e Pereiro de Aguiar

Nestes proxectos construtivos a Xunta ten previsto investir 1.556.729 euros

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitaba o 22 de febreiro as obras dos novos centros de saúde de Paderne de Allariz e do Pereiro de Aguiar, ambos pertencentes á área sanitaria de Ourense, nos que a Xunta de Galicia destinará en total 1.556.729 euros.

O novo centro de saúde de Paderne de Allariz terá unha superficie construída de 393 m2, o que supón un incremento de 132 m2, un 50,59% máis respecto á superficie do actual A construción desta nova infraestrutura de atención primaria, encomendada á Axencia Galega de Infraestrutura, conta cun investimento de 557.305 euros e un prazo de execución de 9 meses.

Segundo o proxecto, este novo edificio sanitario constará dun único baixo andar, con tres zonas claramente diferenciadas. Por unha banda está a área sanitaria, que ocupará a parte central da construción e que será de maior tamaño. A súa dereita estará a zona de persoal e, a esquerda, a das instalacións. O acceso farase a través dun gran recibidor que permite a espera dos pacientes en caso de choiva. Unha vez dentro, atoparase a recepción, os aseos para acceso do público, a consulta médica, a consulta de enfermería e a área da muller/sala polivalente. No exterior haberá unha zona de aparcamento con capacidade para once prazas, dúas delas para persoas con discapacidade, tal e como informa a Consellería de Sanidade. Paderne de Allariz ten 1.105 tarxetas sanitarias adscritas.

Por outra banda, o novo centro de saúde do Pereiro de Aguiar conta cun investimento de 999.423 euros e un prazo de execución de 16 meses. A nova infraestrutura pertencente á rede sanitaria pública de Galicia terá unha superficie construída de 682,17 m2, o que supón un incremento de 239,17 m2, preto dun 54% máis de espazo respecto ao actual centro. A súa superficie quedará distribuída nunha entrada con vestíbulo e con espazo para padiolas e recepción, entre outras. Na área de asistencia sanitaria contémplanse tres consultas de medicina, dúas de enfermería, unha consulta da muller, unha sala polivalente e unha sala de espera, entre outras dependencias.

O novo edificio sanitario do Pereiro de Aguiar disporá ademais cunha área de persoal, con sala de xuntas, vestiarios e aseos, ademais doutros espazos con servizos comúns (aseos públicos adaptados, almacéns, oficios e instalacións). “A mellora das instalacións, xunto co aumento do espazo dispoñible, posibilitará incrementar a oferta asistencial con novos programas sanitarios de prevención e coidado da saúde”, indican dende Sanidade.

O actual Centro de Saúde do Pereiro de Aguiar conta con 3.474 tarxetas sanitarias, das que 275 corresponden a menores de 15 anos.

 

Artigos relacionados

Back to top button