ConcellosTrivesÚltima horaVídeos

Alonso Montero presenta a súa antoloxía poética sobre Florencio en Trives

Nesta acto tamén se reivindicaba a figura do poeta Trives Manuel Luís Acuña

 

“Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética”, do académico Xesús Alonso Montero, é o título dun estudo sobre a figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2022. Este libro, que afonda na biografía e na obra do poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), presentábase esta tarde no Auditorio Julio Vázquez de Trives, nun acto que contaba coa presenza do autor, que estaba acompañado pola alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, polo profesor de secundaria e coordinador dos congresos Manuel Luís Acuña, Xoán Carlos Domínguez Alberte, e polo historiador trivés Franciso García Sánchez.

O catedrático Xesús Alonso Montero é unha das personalidades que máis levan reivindicando a obra de Florencio Delgado Gurriarán. Nesta antoloxía poética, afonda no coñecemento da obra lírica do autor, poñéndoa en relación coa súa peripecia vital.

 

 

É Florencio Delgado Gurriarán un escritor que hai tempo que reclamaba a atención dos críticos. Desde este traballo, Xesús Alonso Montero achega ao público a súa obra literaria e á súa biografía “na terra, na guerra e no exilio, moi condicionada por acontecementos adversos, onde, nese longo período, o poeta mantivo sempre ergueita a súa dignidade e o seu compromiso cos ideais que abrazara de mozo”.

Coa súa poética, Delgado Gurriarán, cantou a paisaxe e os froitos báquicos de Valdeorras, e desde a súa preocupación polo idioma tamén se debruzou sobre el para compoñer unha serie de sentidos poemas sociolingüísticos, insólitos no seu tempo, á vez que cultivou a sátira e os poemas elexíacos.

 

 

 

Xesús Alonso Montero é un ensaísta e polígrafo nado en Vigo en 1928. Pertence á promoción de escritores que iniciaron o seu labor intelectual e cultural tras a Guerra Civil. Dende entón desenvolveu un abondoso traballo de publicitación e espallamento da cultura galega nas súas distintas dimensións.

 

Xesús Alonso Montero, durante a súa intervención.

 

 

Reivindicación dunhas Letras Galegas para Manuel Luís Acuña

Ademais, neste acto tamén se presentaban as actas do V Congreso Manuel Luís Acuña, momento no que Xoán Carlos Domínguez Alberte reivindicaba a figura do poeta trivés e pedía tamén a implicación social e das administracións para, do mesmo xeito que Valdeorras o logrou para Florencio Delgado, tamén as terras de Trives poidan conseguir que se lle adiquen as Letras Galegas a Acuña. A alcaldesa de Trives respondía que nesa iniciativa xa se está traballando.

Actividades das Letras no IES Xermán Ancochea

Nesta mesma xornada o IES Xermán Ancochea organizaba actividades arredor das Letras Galegas. Entre elas figuraba unha conferencia sobre o poeta Florencio Delgado Gurriarán, impartida tamén polo académico Xesús Alonso Montero.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button