ConcellosEn portadaGalerías de fotosTrivesÚltima hora

Alta participación na andaina contra a violencia de xénero pola ruta xacobea templaria, en Trives

De xeito simultáneo celebráronse 24 camiñatas por todo Galicia organizadas polos grupos de desenvolvemento rural (GDR)

 

Na mañá deste sábado 13 de novembro, un total de 24 andainas percorrían Galicia de xeito simultáneo no marco do proxecto “O rural contra a violencia de xénero” que inclúe un amplo programa de actividades organizadas polos grupos de desenvolvemento rural (GDR) de toda a comunidade e que se celebrarán deica o 25 de novembro, data na que se conmemora o Día mundial da eliminación da violencia contra a muller.

 

Entre os camiñantes estaba a alcaldesa de Castro Caldelas.

 

Unha desas andainas, organizada pola Asociación GDR Sil-Bibei-Navea, celebrábase na Pobra de Trives cunha dobre reivindicación:  “dar a coñecer a nosa historia e o noso camiño de Santiago e a loita contra as violencias”, en palabras da alcaldesa, Patricia Domínguez. De feito, o concello colaboraba nesta andaina co acompañamento musical do Orfeón Trivés e a promoción da Orde Templaria, “que deixou pegada en Trives en tantos fermosos lugares como na Capela da Encarnación ou na cruz de malta do escudo do noso pobo, en Piñeiro, na Freiría… O paso dos peregrinos por Trives, polo Camiño Santo, o Camiño Augas Sacras fusionado coa igualdade de que sempre fixo gala esta orde”, adiantan dende o Concello de Trives.

 

Os alcaldes de Vilariño de Conso San Xoán de Río.

 

Así, era o Orfeón quen abría o programa cunha recepción musical aos 100 camiñantes que despois eran traslados en autobús ata o punto de saída en Mendoia, para comezar a andaina acompañados por un grupo duns 40 templarios. Un traxecto de 3,54 km polo Camiño, pasando pola ponte Cabalar e a Corga ata o Centro de Interpretación de Trives, onde remataba con petiscos elaborados con produtos da zona e a lectura do manifesto (común a toda Galicia) por parte da vicepresidenta do GDR Sil-Bibei-Navea, Melisa Macía.

 

O presidente do GDR Sil-Bibei-Navea, Paco Magide.

 

A alcadesa de Trives, Patricia Domínguez (esquerda).

 

O presidente do GDR Sil-Bibei-Navea Paco Magide, valora de forma moi positiva a iniciativa, destacando o feito de que “en toda Galicia, todos os GDR organizaran ao tempo este acto”, asegurando que “hai que seguir na liña de traballar e difundir a necesidade de implicarse en contra da violencia de xénero, que ás veces no rural dános a impresión de que non a hai pero na miña opinión hai moita, polo menos subxacente, e hai que traballar contra ela”.

 

O alcalde de San Xoán de Río durante a andaina.

 

A alcaldesa de Trives pola súa banda, lembrou a dobre reivindicación da andaina. “Por un lado a loita contra a violencia de xénero de todas as mulleres e dos homes que se teñen que unir; e por outro dar visibilidade ao noso Camiño Santo, o Camiño Xacobeo que pasa por Trives”, dixo Patricia Domínguez, detacando a presenza de alcaldes doutros concellos como Castro Caldelas ou San Xoán de Río por onde tamén pasa esta ruta. “É tamén unha forma de dar visibilidade ao Camiño Augas Sacras que queremos empezar a dar a coñecer a todo o mundo e reivindicalo”, dixo . Con respecto á presenza dos templarios, a alcaldesa recoñece que en Trives houbo moita tradición pola Orde Hospitalaria “que usurpou os bens da Orde Templaria”, puntualiza, adiantando que de cara ao verán, levarase a cabo un proxecto común entre varios concellos “co que pretendos xuntar as dúas ordes á modo de reconciliación, facendo este camiño”, dixo.

 

 

Fotos e vídeo: O Sil

 

Artigos relacionados

Back to top button