ConcellosÚltima hora

Alta participación na XIII Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil

A feira celebrábase na fin de semana do 30 e 31 de maio no paseo fluvial de San Clodio

Ano a ano a Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil “consolídase a pasos axigantados, logrando unha merecida sona e un oco no mapa das grandes celebracións”. Con estas palabras a vicepresidenta da Deputación de Lugo (responsable de emprego, novas tecnoloxías e medio ambiente) Lara Méndez López, comezaba o seu pregón na XIII edición desta feira gastronómica de exaltación dos dous produtos de referencia no concello lucense de Ribas de Sil: a cereixa e o aceite.

O pregón tiña lugar na tarde-noite do sábado 30 de maio, diante dun nutrido grupo de asistentes e coa música do grupo Época de fondo, pero a festa comezaba xa pola mañá e extendíase ao longo de toda a fin de semana, a última do mes de maio. O propio alcalde de Ribas de Sil, Miguel A. Sotuela Vega, explicaba que tiveran que adiantala uns días “pero creo que acertamos porque as cereixas están no seu punto” ademais de disfrutar de dous días dun tempo excelente que animou á xente a achegarse ata o paseo fluvial de San Clodio onde se instalaron os diferentes postos de cereixas e mel, de viño da Ribeira Sacra e licores, de artesanía, de doces, bixutería… Ademais de atraccións para os máis pequenos, facendo desta cita unha auténtica festa de primavera á beira do río Sil.

Ademais da degustación e compra de tódolos produtos que alí se expuxeron, o programa incluía outro tipo de actividades como actuacións musicais, exposicións, obradoiros, deportes, unha demostración de artesanía en madeira de oliveira e ata unha concentración de vehículos clásicos, facendo do paseo fluvial de San Clodio, punto de encontro de veciños e visitantes.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na edición en papel do periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button