DeportesÚltima hora

Alta participación no III Campionato de Petanca das Festas do Cristo, no Barco

Dúas tripletas de Fabero proclamábanse campioa e subcampioa mentres que unha de Valdeorras levaba o terceiro premio

 

A comezos de agosto e tras máis dun ano de parón, o Club Petanca Valdeorras reactívabase coa renovación da directiva que agora preside Gabriel Álvarez e a organización do III Campionato do Cristo, que se celebraba na tarde deste domingo 12 de setembro cunha alta participación.

En total eran doce as tripletas que participaban nestas peculiares festas do Cristo 2021, no Chao, onde o club ten a sede e os campos para xogar, aínda que este ano, varios dos equipos tiñan que facelo en improvisados campos no propio camiño. “Ao haber tanta xente tivemos que preparar outros dous campos”, explica o presidente, indicando que de Fabero (O Bierzo) viñan catro tripletas, de Lugo tres e de Valdeorras participaban cinco.

 

Os campións, de Fabero.

 

E eran precisamente os xogadores de Fabero os grandes vencedores da tarde. Tras innumerables partidas, disputadas entre as catro e as oito e media, a tripleta vencedora era a formada por Pili, Jose e Emilio, mentres que a subcampioa era a formada por Josefa, Javier e Juan, ámbalas dúas de Fabero. O terceiro e cuarto posto disputábase entre dúas tripletas do Barco sendo finalmente a terceira clasificada, a formada por Vicente, Suso e Antonio, do Club Petanca Valdeorras.

O alcalde do Barco Alfredo García e o concelleiro de Deportes Aurentino Alonso, eran os encargados de entregar os trofeos, e despois todos xuntos compartían unha pinchada no exterior da sede. Dende a organización, agradecen a asistencia aos participantes e o apoio de todos os que colaboraron co club. “Ao Concello, ao supermercado Mercadona, ao Gadis, ao Eroski, ao Familia e a Ruchel, grazas en nome de todos os socios”, dixo o presidente.

 

Participantes neste III Campionato de Pentanca Festas do Cristo, co alcalde e o concelleiro de Deportes do Barco.

 

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button