CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Alumnos do CEIP Vista Hermosa participan no proxecto de educación ambiental “Gústame o meu Río: ensíname a coidalo”

Esta promovido pola CHMS co obxectivo de valorizar o coidado e respecto pola auga

 

Esta mañá os alumnos e alumnas do CEIP Vista Hermosa participaron activamente no conxunto de actividades programadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do MITECO, conmemorando a semana da auga. Os escolares aprenderon acerca da celebración do Día da auga, do coidado do medio ambiente e da importancia dos pequenos xestos diarios. “Formades parte dunha nova xeración que aprende e valoriza a riqueza natural da contorna e a necesidade de conservalo”, lembrou e agradeceu o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga.

Estas actividades están enmarcadas dentro do proxecto “Gústame o meu río: ensíname a coidalo”, deseñado pola CHMS, nas que se realizan 3 saídas ao río para comprobar o estado do leito, presenza de macro-invertebrados acuáticos, bosque de ribeira, vertebrados asociados ao río, calidade da auga, temperatura, ph, entre outros parámetros; ademais de pautas de bo uso do recurso e da colocación dunha caixa niño para aves co obxectivo de responsabilizar aos pequenos do seu coidado, protección e vixilancia nas súas visitas a este río.

Como complemento a estas actuacións, os alumnos e alumnas do CEIP Vista Hermosa tamén visitaron unha das estacións de control que ten a CHMS no río Miño, alí puideron comprobar os procedementos mecánicos e informáticos que facilitan os datos -nivel/caudal, temperatura, pH, condutividade, amonio, turbidez, materia orgánica e osíxeno disolto- desde o propio río, o proceso que seguen ata a chegada ao Centro de Control de Conca, situado nas oficinas do organismo, e o seu volcado á web da confederación para que calquera persoa poida ter acceso aos mesmos en tempo real.

 

 

“O obxectivo destas actividades de educación ambiental é aproximar aos escolares ao río e ao medio natural que os rodea a través de actividades que promovan o contacto coa contorna natural e fomenten actitudes respectuosas no consumo de auga, tentando que eses coñecementos non queden na escola, senón que formen parte das rutinas habituais nos ámbitos familiar e social”, explicou o presidente.

“Desde a CHMS sabemos que os máis pequenos valorades a auga e os ecosistemas fluviais e solicitamos a vosa axuda para concienciar e sensibilizar aos maiores sobre o valor do recurso en cada un dos nosos xestos diarios en casa, na escola e, en definitiva, na vida” incidiron os educadores, engadindo que “Pinga a pinga faise o río”, o que implica que a colaboración de todos e todas é clave sempre, pero sobre todo en momentos de escasa pluviometría, como é o actual”.

Artigos relacionados

Back to top button