EconomíaEconomíaÚltima hora

Alumnos do CPI Terrón Mendaña de Sobradelo visitan unha nave de lousa valdeorresa

 

Un grupo de 20 alumnos de 3º e 4º de ESO do centro C.P.I. Terrón Mendaña de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) visitaban esta mañá de 20 de novembro as instalacións da empresa Pizarras Los Tres
Cuñados, en Casaio. Esta é a primeira dunha serie de visitas que realizarán nos vindeiros meses os estudantes de secundaria (ESO e Bacharelato) dos institutos da comarca ás instalacións de empresas deste sector.

“O obxectivo desta acción é que os rapaces valdeorreses descubran tódolos pasos necesarios no proceso de elaboración da pizarra. Dende que as grandes pezas (rachóns) saen da canteira, ata que os palés saen en camións para ser distribuídos por todo o mundo. Os alumnos poderán ver en persoa cales son os diferentes labores que realizan os profesionais do sector: extracción, serrado, corte, labrado, selección, paletización, loxística, transporte, etc.”, indican dende o Clúster da Pizarra de Galicia.

 

Os alumnos puideron ver nesta visita como os traballadores van dando forma a cada peza de pizarra. Tanto os que empregan a máis moderna maquinaria de serrado ou corte, coma os labradores que de xeito artesanal van separando unha a unha cada lousa que posteriormente se procesará para a súa comercialización.

Novas visitas

Estas visitas escolares continuarán mañá mesmo. Un grupo de alumnos de 2º de Bacharelato do I.E.S. Cosme López da Rúa achegarase a unha nave de elaboración tamén no municipio valdeorrés de Carballeda. Nas vindeiras semanas os estudantes doutros tres centros da comarca visitarán outras empresas asociadas ao Clúster da Pizarra de Galicia.

Esta actividade enmárcase nunha serie de iniciativas promovidas polo Clúster da Pizarra de Galicia para concienciar aos máis novos da importancia deste sector.

Fotos: Clúster da Pizarra de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button
Close