ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Alumnos do IES O Ribeiro fan prácticas de viticultura na viña soberina dos Chancís

Esta actividade formativa é posible a través dun convenio de colaboración entre este centro de ensinanzas e o Concello de Sober

Clases entre bancais e vides. Os alumnos do IES O Ribeiro volvían na xornada do 6 de xuño á viña experimental dos Chancís (Sober), onde realizaban enxertos en verde. Estas clases son posibles polo acordo de colaboración acadado entre o Concello de Sober e o devantido centro ourensán para que os alumnos podan desenvolver as súas prácticas relacionadas coa viticultura neste espazo, de propiedade municipal.

Os alumnos forman parte de 1º do ciclo medio de aceites de oliva e viños e de 1º do ciclo superior de vitivinicultura, todos eles do módulo de viticultura do IES de Ribadavia. Teñen idades comprendidas entre os 18 e os 50 anos.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, agradece este convenio que permite cumprir cun dos obxectivos esenciais da viña que é que “sirva así como un espazo experimental no que practicar e do que obter interesantes resultados sobre as nosas variedades vitivinícolas”.

Pola súa banda, o profesorado valora a experiencia como “moi positiva” e “interesante” para os alumnos, posto que os sistemas de condución e poda son moi diferentes con respecto aos que existen no Ribeiro, de onde proceden os estudantes. “Permítenos ampliar coñecementos sobre a agricultura heroica e ver as diferenzas coa nosa zona e ademais están encantados coa impresionante paisaxe”, resume Antonio Cortiñas, quen engade que está a ser unha experiencia “moi enriquecedora”.

Fotos cedidas polo Concello de Sober.

Artigos relacionados

Back to top button