En portadaEntrevistasÚltima hora

Álvaro Fdez., alcalde da Rúa: “Se a Xunta cre que hai que tomar medidas drásticas, haberá que adoptalas para protexer a saúde”

Este concello valdeorrés sofre un repunte nos casos activos de Covid-19 a raíz de varias festas privadas celebradas na comarca na fin de semana

O alcalde da Rúa, o popular Álvaro Fernández, no Pleno.

 

Despois dun continuado goteo de casos activos de coronavirus no municipio da Rúa, chegando a ser observado por parte do Comité Sanitario que fai o seguemento do Covid, a situación melloraba considerablemente a finais da pasada semana co cal evitaba as posibles restricións. Mais ao inicio desta semana a situación cambiaba drasticamente cun novo repunte nos contaxios, desta volta de forma considerable, trala celebración de varias festas privadas na comarca de Valdeorras que poñían o foco na Rúa (de onde son a maioría dos xoves implicados) que na xornada deste venres 20 de novembro rexistra 29 casos activos de Covid-19. Así pois será obxecto dunha observación específica na súa evolución epidemiolóxica, aínda que de momento mantén o mesmo nivel de restricións, tal como adiantaba esta mañá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Para coñecer como están a xestionar esta situación dende o Concello da Rúa, falamos co seu alcalde, o popular Álvaro Fernández.

Cal é a situación da Rúa neste momento?

Do que nós temos constancia é de que a maioría destes casos novos son rapaces e algunha persoa do seu entorno, no que hai xente delicada de saúde. Polo que sabemos fixéronlle as probas e algún deu positivo pero grazas a Deus outros non. Deseámoslle sorte na recuperación e pedimos colaboración dos implicadados porque hai certo ocultismo xa que as cousas non se fixeron ben e iso non leva a ningún lado. Agora teñen que colaborar cos rastrexadores e con quen se poña en contacto con eles para atallar o problema que é o realmente importante.

A orixe destes contaxios, entre 10 e 15 a día de hoxe, parece estar nunhas festas privadas celebradas na fin de semana.

Si, pero hai que dicir que o foco púxose na Rúa pero, que nós saibamos, as festas non foron aquí. Houbo festas noutros concellos e de feito tamén hai afectados noutros concellos a maiores porque o problema foi no entorno da xuventude de diferentes puntos da comarca, o que pasa é que según parece a maioría é deste concello.

Teñen medo de que Sanidade aplique maiores restricións ante esta suba de positivos?

De momento medo non temos. Nós asumimos que se é necesario non nos queda outro remedio, pero fastídianos que sexa por unha circunstancia deste tipo, porque a situación ía moi ben e se estes casos novos non se deran, estariamos en menos de 10, e isto non sabemos en que pode acabar. Insisto no noso máximo apoio á autoridades sanitarias e se elas determinan que o están facendo moi ben e consideran que hai que tomar medidas máis drásticas para que isto non vaia máis alá e protexer a saúde da xente que é prioritario, haberá que adoptalo. Evidentemente é unha mágoa porque perxudícanos a todos, xustos e pecadores. Se nos prohíben a reunión con non conviventes ou nos pechan é para todos, non só para os que o fixeron mal. Se impacta economicamente aos negocios do concello tamén lle afecta a todos aínda que o fixeran ben, regular ou mal. Por iso insistimos na responsabilidade da xente. Temos que aprender destes erros.

 

Casa do Concello da Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

En agosto xa houbera un repunte de casos…

Si, pero teño que dicir que a outra vez, non tivo nada que ver cunha festa como publica algún medio. Iso non é certo. Foi un contaxio nun entorno familiar. É certo que houbo algún local ao que se lle foi das mans igual que a pasada fin de semana pero non xerara ningún contaxio, nin tampouco no ámbito persoal que saibamos. Foi un goteo máis leve que non viña de ningunha festa.

Pola rede hai publicadas todo tipo de novas.

Non hai que facer moito caso dos bulos. Chámanos moita xente afectada precisamente por eles pero nós non podemos intervir nun Facebook para desmentir determinadas cuestións que non son de calado xeral, porque o mesmo bulo que anda nas redes anda de boca en boca na poboación. Non se pode evitar polo que hai que ter paciencia e intentar contrastar os datos. Nós intentamos ser o máis obxectivos e fiables posible. Trasladamos sempre o que sabemos e, o que sabemos a día de hoxe, é que temos 29 casos activos pero non todos son dese brote. Non quita que aparezan máis pero de momento son entre 10 e 15 e nalgún medio xa saiu que eran 30 e iso non é certo. Liberdade de expresión si pero hai que ser riguroso e contrastar a información.

Van tomar algunha medida máis ante este repunte?

Dende o Concello non paramos e as medidas que podemos, dentro das nosas posibilidades, estámolas adoptando. Estamos intentando facer pola nosa parte apoio e seguemento aos afectados e intentar atallar o problema. Seguimos desinfectando as zonas que consideramos necesarias e a Policía Local está moi implicada. Ademais tramitamos un montón de denuncias dende o Concello, pero as que nos competen a nós, como son as de fóra de horario. Había unha dúbida sobre se as denuncias por incumprimento da Normativa Covid Autonómica eran da nosa competencia ou non e parece ser que si, pero vainos dar apoio a Xunta, polo que esas denuncias non se esquecen e vanse tramitar co apoio dese departamento que van habilitar para que colabore cos concellos e non se colapsen porque nós temos un nivel de estrés bastante alto polas circunstancias que nos afectan a todos (aos Concellos, aos Centros de Saúde, empresas, etc). De feito o Concello ten a dobre de carga de traballo con menos persoal porque tamén temos xente confinada por ser contacto dalgún positivo e todo inflúe. Con todo o noso obxectivo é intentar reconducir a situación, con advertencias cando toca e con sancións cando non se fai caso ás advertencias.

Máis información no seguinte enlace: https://osil.info/a-rua-ten-29-casos-de-covid-5-mais-que-onte-e-sobe-a-alerta-laranxa/

Artigos relacionados

Back to top button