Entrevistas

Álvaro Fernández: “A Rúa é un punto neurálxico”

O alcalde popular fai balance da situación do municipio rues e do seu potencial, así como dos proxectos en marcha

O alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, no paseo do Aguillón./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Poñer as contas ao día, crear protocolos de actuación, mellorar o entorno e o aspecto xeral da vila para facelo máis atractivo e agradable, ou crear sinerxias a nivel comarcal para aproveitar os recursos turísticos. Son algúns dos puntos sobre os que está a traballar o Concello da Rúa co popular Álvaro Fernández López á fronte, quen dous anos e un mes despois de entrar na alcaldía tralas súas primeiras eleccións, fai balance da situación do municipio e do seu potencial, así como dos proxectos en marcha.

Leva dous anos á fronte do Concello da Rúa, ¿como valora este período?

Ser alcalde é difícil porque conleva unha responsabilidade moi grande e o nivel de implicación ten que ser alto e máis nun pobo, pero tamén é un orgullo defender os intereses dos teus veciños, e ver que as cousas funcionan e que van mellorando, é bo para todos. O tema ideolóxico é un lastre que moitas veces trascende a razón pero polo que nos transmiten creo que a xente está contenta e nós temos a conciencia moi tranquila porque o que estamos facendo é traballar moi duro para arranxar o máximo posible canto antes. A situación no Concello era complicada e aínda que con moi boa disposición por parte do persoal, había certa desorganización, moita débeda, non había contas, poucos protocolos,… e a falta de estrutura require un maior esforzo por parte do equipo de goberno, que está moi entregado, pero a situación é delicada. Non temos malas intencións pero non podemos chegar a todas partes e imos por prioridades porque hai moito por facer e pouco persoal. A Rúa é un pobo con moitas infraestruturas que manter e que dá moito servizo pero o presuposto non é moi elevado e as circunstancias son as que son. O que estamos facendo é intentar axustar o gasto, facer protocolos de actuación, optimizar os recursos, facer cousas para mellorar a imaxe e para o que nos é importante como os accesos, dignificar as zonas máis desatendidas,…

¿Que proxectos están en marcha ou xa se remataron?

O noso programa era moi realista cunha parte moito máis factible e outra máis complexa e falabamos moito de limpeza e de darlle un cambio á vila a nivel estético e por exemplo na Reza e no Aguillón notouse, así como a limpeza no pobo, arranxo das rúas Coballo e Pireira que vai moi avanzado, o Centro de Saúde,… Son só algúns dos puntos que solucionamos ou polo menos desbloqueamos e puxemos en marcha aínda que por suposto queda moito por facer. Con respecto a este último unha vez asinado o convenio con Sanidade e a zona urbanizada, temos que entregar os terreos, de feito xa están todos os papeis no Rexistro, e a Consellería está ultimando a licitación do proxecto para comezar a obra que tamén levará tempo, pero xa está en marcha.

¿Cales son as apostas do Concello a nivel turístico?

O apartado enolóxico é unha marabilla que temos e tamén o industrial, pero hai que ter visión comarcal e incluso aproveitar outros entornos máis desenvoltos como as Médulas, a Ribeira Sacra ou mesmo a Estación de Montaña Manzaneda, para crear sinerxias. Temos que axudarnos todos para xerar esa riqueza e repartila. O Camiño de Inverno pode ser outro aliciente porque esperta curiosidade e iso tamén xera movemento e riqueza. Ademais temos un entorno agradable para pasear, andar en bicicleta e en moto, para cazar, para pescar,… O encoro queremos potencialo co catamarán, buscando alternativas de ocio para que a xente veña á comarca e teña cousas que ver, pero non só na Rúa, senón na Veiga, en Larouco, O Bolo, O Barco,… compartir recursos a nivel comarcal, e creo que nese aspecto o Agader está dándolle por fin un pulo importante a través do Xeodestino. A nivel local, entre outras cousas temos o arranxo do acceso ao Barranco Rubio, un espazo para potenciar e unha alternativa máis para ir a pé, en bici ou moto e desfrutar das espectaculares vistas coa entrada do Sil, o val de viñedos e o entorno que temos que é unha bendición.

 

Álvaro Fernández no despacho da alcaldía da Rúa.

 

Para potenciar todo isto está a oficina de turismo.

Exacto. Estamos adecentádoa porque levaba moitos anos pechada (tamén o entorno para facelo máis vistoso) e sacamos as bases para a oferta de emprego para tela aberta un tempo e darlle servizo a toda a comarca. Falamos de ofrecer un paquete común porque cremos que é o que interesa e o que ao final nos vai axudar a todos. Ademais a idea é automatizala porque hai que aproveitar as novas tecnoloxías cunha nova web, códigos QR, unha pantalla para que a xente poida coñecer de forma inmediata o que temos incluso cando esté pechada… Aínda que é bo ter unha persoa supón uns custos moi elevados que hai que manexar con intelixencia porque aínda non temos necesidade dunha apertura permanente. A nosa idea era abrila este ano para que a persoa que esté aí coordine ás asociacións e xerar dinamismo pero agora mesmo pola situación non hai moito movemento nese sentido. Esperamos abrila canto antes pero o papeleo tamén leva tempo.

¿Que opina da iniciativa de posta en valor da Via Nova?

Cantas máis alternativas de turismo teñamos e máis poidamos ofrecer moito mellor. Como dicía antes temos o turismo vitivinícola, o turismo industrial, o Camiño de Inverno, ruta polo encoro en Catamarán, o entorno natural,… e se por riba temos unha oferta cultural coa Via Nova, estupendo. É unha alternativa máis que dará traballo desenvolvela polo que o que hai que facer é empezar e que xere a súa sinerxia e riqueza, e se topamos con algunha explotación importante e podemos acompañala dese valor arqueolóxico, fantástico, porque aínda queda moito por explotar, de feito a Rúa sempre foi un punto neurálxico e cruce de camiños. Estamos nun lugar estratéxico para desenvolver este tipo de iniciativas.

A entrevista completa pode lerse na edición en papel do mes de agosto do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button