ConcellosManzanedaÚltima hora

Amable Fernández: “Estamos moi pendentes da evolución dos tres lumes en Manzaneda”

O alcalde deste municipio espera que se cumpran as previsións e chova esta tarde para poder facilitar a extinción

O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ata tres incendios se rexistran nestes momentos no municipio de Manzaneda. O que afecta a unha maior superficie arestora é o da parroquia de Cernado, activo desde as 5:32 h. Afecta provisionalmente, segundo os últimos datos de Medio Rural, a unhas 150 hectáreas de superficie. No seu control traballan diversos medios terrestres.

Ademais tamén permanece activo desde as 2:40 h. desta madrugada outro lume neste concello, na parroquia de Paradela, por riba desta localidade, ao que se lle uniu un terceiro rexistrado na parroquia de San Martiño. Entre os dous suman unha superficie provisional dunhas 50 hectáreas. No lugar están traballando 5 axentes, 12 brigadas, 9 motobombas, 2 avións e 1 helicóptero, segundo a consellería.

 

Imaxe dun dos incendios de Manzaneda./ Foto cedida.

 

“Dende o Concello estamos moi pendentes da evolución do lume e esperando como auga de maio a que chova, a ver se a primeira hora da tarde empeza a chover, pero aquí de momento non se ven nubes que vaian traer auga e necesitámola para extinguir os incendios”, sinala o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández.

Con respecto ao indendio de Cernado, o rexedor comenta que chegou cerca de onde están “os curros de Requeixo, onde está o pastor de Borruga e o de Langullo, e aí andívose apagando. Tamén estiveron cos batelumes o persoal do Concello e a familia do pastor que está alí para apagalo. Agora foise para preto duns piñeiros en Cabeza Grande, o vento botouno cara arriba”.

Dende Protección Civil de Manzaneda explican que, polo de agora, foise controlando e evitouse que o lume chegase aos piñeirais da estación de montaña e que tamén se evitou que chegase aos curros.

En canto se teñan máis datos actualízarase a información.

Artigos relacionados

Back to top button