EntrevistasÚltima hora

Amador Arias: “Traballar con Oliver Laxe é un luxo, unha experiencia única”

Este actor, con familia en Valdeorras, protagoniza xunto a Benedicta Sánchez a película “O que arde”. Nesta entrevista fala sobre a súa experiencia nesta longametraxe galega premiada en Cannes e que se estreará en España este venres 11 de outubro

Amador Arias interpreta a Amador Coro en “O que arde” de Oliver Laxe./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

É un retrato sobre a natureza, sobre a relación do home con ela no rural das montañas do interior de Galicia. Así se refire a “O que arde” un dos seus protagonistas, Amador Arias, con familia en Valdeorras. Neste filme de Oliver Laxe interpreta ao seu protagonista, Amador Coro, que regresa á súa aldea despois dunha condea de cárcere por ter provocado un incendio.

A película, rodada en galego nas montañas dos Ancares, conta xa con destacados recoñecementos como o premio do xurado no Festival de Cannes (Francia), dentro da sección Un certain regard (Unha certa mirada). Ademais no 24 Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), o pasado 5 de outubro, lograba outras dúas distincións: o Premio Galicia e o Premio especial do xurado.

 

Amador Arias xunto a Benedicta Sánchez nunha das escenas de “O que arde”.

 

Este último era recollido polo propio Amador Arias, quen dicía na gala que “os premios enchen sempre o peito e axudan a ser máis felices” e ademais agradecíalle a Oliver Laxe o feito de telo metido “neste mundo da maxia do cine”.

E tras pasar por diversos festivais, “O que arde” estrearase este venres 11 de outubro nas salas de cine españolas. No caso de Valdeorras poderá verse no Centro Cultural Avenida da Rúa entre o día 11 ás 22:30h. Tamén estará en carteleira o sábado 12 ás 20h. e ás 23h. , o domingo día 13 ás 20h. e o luns día 14 ás 22h.

Como afeccionado ao cine de autor, ¿que ten suposto para vostede a experiencia de pasar de espectador de películas a protagonizar unha delas?

Gusto de sempre do cine de autor, e realmente, foi o que me moveu a ir ao casting da película. Coñecer a Oliver Laxe e falar con el. Tiña pensado perdirlle se me deixaba ir ver como rodaba. A experiencia foi positiva, e un deixa de ver o cine deixándose guiar, levar polo que aparece na pantalla. Analizas todo o que ves, como foi feito, ou que fai tal cousa ou a conto de que vén.

 

Esta era a primeira vez que Amador Arias participaba nun filme./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Como foron os preparativos da rodaxe? ¿E cales son as dificultades que destacaría nela?

Antes da rodaxe tivemos moitos, moitos ensaios, na Coruña, na Fundación Tic de Lugo, nos Ancares, nas nosas casas… As escenas máis complexas ían todas masticadas, Oliver non quere sorpresas. Nos ensaios estivo a dureza, pois tivemos que “amansar” ás vacas e interiorizar os personaxes. Nevou, choveu, fixo calor, unha e outra vez, pois raramente os exteriores saen nas primeiras tomas. Ás veces fanse dez tomas para uns poucos segundos. Pero en todo momento había emoción, ganas de pasar á seguinte escena.

¿Como é traballar como Oliver Laxe e tamén coa súa compañeira Benedicta?

Traballar con Oliver Laxe é un luxo, unha experiencia única. É aprender cine, a ser actor, produtor. Con Oliver sempre se está a construír, usa un mínimo de elementos, máis o resultado é complexo. Nada hai, nada se move sen o seu parecer. Todo está relacionado e ten máis dun significado. Persoalmente Oliver comunica moi ben, non levanta xamais a voz. En todo momento está pendente de todo e de todos. Traballar con Benedicta foi doado, pois ensaiamos moito, e convivimos xuntos en Vilela, onde se rodou.

 

Amador Arias no 24 OUFF, no que recollía o premio do xurado en nome do equipo da película “O que arde”./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Cando se fala de “O que arde”, acostuma relacionarse co tema dos lumes, pero a película vai máis alá diso, ¿qué destacaría vostede dela e da visión que se dá nela do rural da Galicia interior, da vida na montaña, que raramente se plasma nunha pantalla de cine?

“O que arde” é unha película sobre a Natureza, sobre a complexidade no rural. Pero, ao mesmo tempo, é simple. Está feita con elementos simples que, ao desenvolvelos, ao mesturalos, dan complexidade. Está o amor, as crenzas, as ilusicións de Amador Coro, dos veciños. A carraxe ou o que lle arde a cada un por dentro ou dentro das cousas. Encontramos o lume, o lume como cociña, como calefacción, como enerxía barata, pois vese que hai leña de sobra, no bosque, xa sexa por nevadas copiosas ou o vento.

E esta o lume ou incendio. O acto terrorista. E dentro deste lume terrorista está presente tamén o lume do “contraincendios”, poñer lume para que apague o lume. Así vese que o lume é bo ou malo segundo nós facemos uso del.

 

O actor xunto a Oliver Laxe (á dereita da imaxe) na preestrea de “O que arde” en Navia de Suarna o 29 de setembro.

 

A película pasou xa por moitos festivais, pero ¿que supuxo para vostede a preestrea que se fixo a finais de setembro en Navia de Suarna?

A estrea en Navia foi un éxito, un aplauso ao traballo, ao retrato de tódalas casas ou vivendas, ou familias que viviron ou viven no rural. Gustoulles, por riba, e viron por unha vez na vida que a súa forma de vivir estaba alí, diante deles, contada coas cousas, os feitos, as miradas, os silencios que todos os do rural vivimos ou padecemos. Foi unha experiencia moi rica para ambas partes, un triunfo para os débiles, un aplausos para todos eles dende eles.

 ¿Que pensa dos recoñecementos, dos premios que está tendo a película? ¿que lle diría á xente para animala a que fose a partires do 11 de outubro a vela aos cines?

O recoñecemento, eu creo que é merecido, e segundo se vaia vendo, irán saíndo as distintas capas das que está formada. É unha película moi complexa e tocada de elementos moi fráxiles ou agudos.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button