OurenseÚltima hora

Amantes dos trens de toda España danse cita en Ourense

O Centro Cultural acolle o LV Congreso de da Federación Española de Asociacións de Amigos do Ferrocarril
Rafael Cid, Rosendo Fernández, Jesús Vigil e Carlos Alberto Tabarés.

Os amantes do ferrocarril procedentes de diversos puntos de España citáronse hoxe, 19 de maio, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” no LV Congreso da Federación Española de Asociacións de Amigos do Ferrocarril (FEAAF). Estarán en Ourense durante toda esta fin de semana facendo visitas e actividades relacionadas cos trens.

O acto foi inaugurado polo presidente do Inorde e vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, que iniciou o seu discurso pondo en valor o traballo do instituto que dirixe para a restauración das estacións: “son elementos que xa se fundiron co ecosistema urbano e é importante a súa posta en valor”. Fernández enumerou as estacións que o Inorde restaurou, como a de Os Peares, Santa Cruz de Arrabaldo, Balos de Molgas, Vilar de Barrio ou o Funicular de Santa Lucía, en Portugal. Segundo dixo, “o noso obxectivo é valorizar esas estacións para facer un urbanismo sustentable nas vilas”.

 

O relatorio de Rafael Cid versou sobre o tramo Zamora-Ourense.

Tras iso, foi a quenda dos relatorios. Pero antes, o presidente de FEAAF, o madrileño Jesús Vigil, fixo un repaso pola historia das asociacións de amigos do ferrocarril: “comezaron aló polos anos 40, cando un grupo de persoas reuníanse nos bares para falar do ferrocarril”, dixo. O presidente contou que pouco a pouco empezaron a crecer, a adquirir locais, facer fotografías, diapositivas, “ata que chegaron ao modelismo e as maquetas”, contou. Esas asociacións comezaron en cidades como Madrid, Barcelona, Sevilla ou Pamplona, entre outras, e pouco a pouco foise estendendo até formar esta federación que actualmente aglutina unhas 70 asociacións.

O primeiro en iniciar o seu relatorio foi o director de RTVE en Galicia, Rafael Cid, que falou sobre a historia da liña Zamora-Ourense, xa que el é bastante coñecedor do tema posto que é o autor do documental de “Carrilanos, los túneles de un tiempo”, no que se fala precisamente dese tramo. Cid fixo referencia ao túnel de Padornelo, un dos máis longos da Península. Durante o seu relatorio, falou do estado da liña antano e agora, das alternativas que se presentan e do AVE. Finalmente, fixo unha chiscadela á afección que Carlos Casares, homenaxeado das Letras Galegas 2017, tiña polos trens e as maquetas ferroviairas.

O segundo relatorio correu a cargo do presidente da Asociación Nova Vía Ourense, Carlos Alberto Tavarés, que falou sobre o papel das asociacións na preservación do ferrocarril.

Asistentes á xornada inaugural do congreso.

 

Artigos relacionados

Back to top button