EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Amarelante S.C.G., unha aposta pola castaña a través do cooperativismo en Manzaneda

Davide Rodríguez, un dos dez socios desta cooperativa que produce e transforma este froito de outono, pechaba no Barco as Xornadas sobre as Oportunidades do Medio Rural

Castaña e cooperativismo. Son as claves dun proxecto que nacía hai case 6 anos en Manzaneda e que hoxe constitúe unha referencia en Galicia. Dez socios (5 homes e 5 mulleres) poñían en marcha Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, alugando soutos abandonados para recuperalos e poñelos a producir de novo co obxectivo de dinamizar o rural apoiándose nos recursos endóxenos, buscando contribuír ao asentamento da poboación en Manzaneda e á creación de emprego.

Sobre o proxecto Amarelante (que toma o seu nome da principal variedade de castaña de Manzaneda) falaba un dos socios desta cooperativa, Davide Rodríguez, na tarde do 28 de xaneiro no Barco na derradeira das conferencias das Xornadas sobre as Oportunidades do Medio Rural. Explicaba os principios desta iniciativa, a sustentabilidade e a xustiza social, así como o traballo realizado para o mantemento dos soutos e para a transformación do produto co fin de que o seu valor engadido quede na propia zona produtiva. E destacaba o seu carácter feminista, xa que a súa xunta directiva está formada só por mulleres.

“Comezamos identificando os soutos, despois cun traballo de limpeza e desbroce, con traballos de poda ou demouca e tamén coa vacinación contra o chancro, ademais de con queimas controladas de rastroxos e coa colocación de cartaces para identificar cada souto. O volume de traballo ao principio foi moito”, lembraba Davide Rodríguez. Todos os soutos que teñen en produción, salvo un en Mendoia (Trives), están no concello de Manzaneda.

Tamén explicaba a súa aposta pola transformación e o proceso que se desenvolve na súa nave. Nestes momentos, ademais de castaña en fresco, a cooperativa produce e comercializa castaña seca, fariña de castañas e tamén un doce elaborado con fariña de castaña. Ademais poñía en valor a castaña como produto, “cada vez está sendo máis valorada na gastronomía e na alta cociña. É curioso como, co tempo, un produto tan importante para a alimentación no rural foi perdendo o papel que tiña na cociña galega ata case desaparecer, pero hoxe volve estar outra en auxe grazas ao labor de entidades como a IXP Castaña de Galicia”.

Aludía asemade ao valor do sistema souto dende un punto de vista medioambiental, de proteción do solo, de depuración do aire, de proteción das concas hidrográficas, da súa importancia á hora de proporcionar un hábitat saudable á multitude de especies autóctonas e mesmo cultural.

E nesa posta en marcha de Amarelante referíase ás dificultades coas que se atoparon e coas que se seguen atopando aínda hoxe. Entre elas están as enfermidades do castiñeiro: chancro, tinta e agora a avespiña, “que nos ten moi preocupados”. Citaba seguidamente o minifundismo, “que ben xestionado pódese converter en virtude”, o envellecemento poboacional, a supresión de servizos no rural e a “escasa implicación de certas administracións”. E concluía comentando as actividades sociais que realiza a cooperativa en Manzaneda con proxectos como un campo de traballo ambiental (realizado en setembro do 2013), a celebración do Samaín ou a visita do Pandigueiro cada Nadal.

Davide Rodríguez era presentado na xornada, á que asistían numerosas persoas, polo alcalde do Barco, Alfredo García, quen aseguraba que “Valdeorras conta con suficientes recursos para proxectos como o que estamos plantexando aquí e o modelo de Amarelante é un modelo válido para a xente que queira vivir no rural e do rural”.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button