EntroidoOurenseÚltima hora

Amencer presenta as súas actividades de Entroido

Desenvolveranse entre os días 5 e 18 de febreiro na cidade

 

Acto de presentación das actividades de Entroido de Amencer en Ourense./ Foto: Amencer.
Acto de presentación das actividades de Entroido de Amencer en Ourense./ Foto: Amencer.

Obradoiros, exposicións, xogos, torneos… Do 5 ao 18 de febreiro serán numerosas e moi variadas as actividades que se desenvolverán dende a Asociación Xuvenil Amencer para celebrar o Entroido na capital da provincia. Esta entidade presentaba o programa conxunto destas propostas na mañá do 5 de febreiro, contando coa presenza da concelleira de Cultura ourensá, Ana Garrido.

A primeira das actividades terá lugar esta mesma tarde, de cinco a oito, e será un obradoiro de disfraces da comparsa de Entroido. Tamén se fará un obradoiro de Compadres e xa o sábado 7 de febreiro (11:15h.-13h.) desenvolverase un obradoiro de disfraces e complementos para rapaces de 12 a 14 anos.

O día 11 de febreiro pola tarde realizaranse as actividades Sala Aberta, Xangal (que se repetirán ata o día 13) e un obradoiro de maquillaxe infantil, mentres o 12 de febreiro tamén se impartirá un obradoiro de Comadres e o día 13 de febreiro poderá desfrutarse de Contacontos de Entroido e logo, a partir das dez da noite, dunha festa xuvenil de Entroido.

Co “Gran Xogo do Entroido” na praza Maior comezarán o sábado 14 de febreiro. Esta actividade de Amencer, de carácter gratuíto, estará aberta a toda a cidade “especialmente aos máis pequenos e nela descubriremos entroidos da provincia, actividades e todo con moita cor, música e ledicia”, explican dende a asociación. Pola tarde continuarase con Sala Aberta, Xangal e ás 18h. comezará un torneo de FIFA en PlayStation.

Ademais o Domingo de Entroido, 15 de febreiro, ás cinco da tade participarán no desfile de Ourense e o luns día 16 ás 10h. comezarase coas IV Mañás de Entroido, unha “actividade de conciliación da vida familiar e laboral con temática destas festas e a través da cal pretendemos achegar o Entroido aos máis cativos, partindo das nosas tradicións e crenzas”, tal e como indican dende Amencer.

Tamén pola mañá, ás 11h. xogarase un torneo de fútbol sala e pola tarde continuarase con Sala Aberta, Xangal e cun obradoiro de disfraces.

O Martes de Entroido Amencer acudirá ao desfile da Valenzá e xa o Mércores de Cinza ás 10h. haberá unha nova “Mañá de Entroido”, pola tarde Sala Aberta e Xangal, e por suposto, non faltará ás 17:30h. un obradoiro do Enterro da Sardiña, que dará paso á citada “cerimonia” coa que se despedirá o Entroido.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button