OurenseÚltima hora

Amigos da Terra e a Masa Crítica celebran o PARK(ing) Day cun xardín na zona azul

Este espazo verde improvisado estivo situado na rúa Ramón Cabanillas de Ourense e está enmarcado dentro da Semana Europea da Mobilidade
O xardín efémero estivo instalado nunha praza e para iso pagaron o correspondente tiket da ORA.

A organización ecoloxista Amigos da Terra, e o cole tivo de ciclistas Masa Crítica Ourense, uníronse hoxe, 15 de setembro, para a reivindicación mundial do PARK(ing) Day, coincidindo co inicio da Semana Europea da Mobilidade. Este evento consiste en converter unha praza de aparcamento nun xardín efémero ou temporal, transformando así o contexto urbano “para reclamar cidades máis vivibles e humanas”.

Así, a través desta iniciativa, “quixemos denunciar a primacía do coche na cidade e reivindicar a necesidade dun máis amplo e mellor espazo público”, declararon.

Desde as 11:00 horas ocuparon esta praza de aparcamento na zona azul na rúa Ramón Cabanillas, pagando o correspondente recibo da ORA para facer uso do espazo até as 15:00 horas.

O colectivo reclama espazos máis abertos e que se lle dea primacía aos peóns sobre os coches.

Este colectivo manifestou o seu desacordo e decepción coa estratexia de mobilidade na cidade, “que están amosando unha preocupante incompetitividade e segue perpetuando na cidade problemas como a sobresaturación do tráfico a motor, e a falta dunha aposta por pacificalo para conseguir unha cidade máis amable”.

A misión do PARK(ing) Day é chamar a atención sobre a necesidade de espazos urbanos  máis abertos, xerar un debate crítico ao redor de como está creado o espazo público, e para mellorar a calidade do hábitat urbano para a cidadanía.

Con esta actividade arranca a Semana da Mobilidade, na que seguirán realizando accións en prol dunha mobilidade sustentable en Ourense.

O xardín estivo instalado dende as 11:00 até as 15:00 horas.

Artigos relacionados

Back to top button