OurenseÚltima hora

Amigos da Terra pinta un mural para “Liberar a súa enerxía” renovable

Actos como este leváronse a cabo ao redor do mundo para reivindicar o uso de enerxías renovables e visibilizar ás alternativas a unha economía baseada nos combustibles fósiles

Miles de activistas de Amigos da Terra celebraron hoxe, 14 de outubro, ao redor do mundo o Día da Acción pola xustiza climática e enerxética con accións por todo o globo.

Tamén Ourense tivo a súa acción durante esta xornada. Segundo explicou o activista de Amigos da Terra Ourense, Ángel do Río, os actos arrancaron esta mañá en Santiago e, pola tarde, cara ás cinco, pintaron un mural na rúa Doutor Fleming da capital baixo o lema internacional “Libera tu energía”.

O deseño do mural foi obra do “Espazo matrioska” e os pintores foron os numerosos curiosos, rapaces incluídos, que se achegaron até este punto para botar unha man. Asemade, tamén organizaron un conta contos para nenos e unha pequena orquestra amenizou o evento coa súa música.

Segundo contou Ángel Río, esta é a primeira vez que fan unha acción deste tipo e asegurou que “está a ter moi boa acollida”.

En canto ao que leva a Amigos da Terra a levar a cabo esta iniciativa é, segundo din, porque as grandes multinacionais enerxéticas están a provocar graves danos á poboación e a súa contorna con total impunidade; agravan o cambio climático e atentan contra as comunidades. Por esta razón, saen á rúa “para mostrar o noso descontento con estas empresas e para visibilizar as alternativas a unha economía baseada nos combustibles fósiles, que non ten en conta o benestar da cidadanía”.

O Día de Acción de Amigos da Terra tamén se celebrará en máis de 30 países: países africanos como Togo, Camerún, Sudáfrica, Uganda, Serra Leona ou Mozambique; asiáticos, como Corea, Filipinas, Malaisia, Indonesia, Xapón, Palestina, Rusia ou Bangladesh; americanos como Paraguai, O Salvador, Arxentina, Uruguai, Honduras, Estados Unidos, e europeos, como Inglaterra, Escocia, Finlandia, Croacia, Bosnia, Dinamarca, Holanda, Suíza, Bélxica, Austria, Estonia ou España.

Artigos relacionados

Back to top button