OurenseÚltima hora

Amigos da Terra traballa na rexeneración dos montes queimados de Melón

As accións consisten en esparexer palla polas máis de 11 hectáreas do monte comunal de Tourón para evitar desprendementos polas chuvias e a falta de vexetación
Voluntarios esparexendo palla no monte.

O colectivo Amigos da Terra está a levar traballos de rexeneración das zonas afectadas polos incendios forestais no monte comunal de Tourón, en Melón. En colaboración con Vergasta e máis dunha vintena de voluntarios, xuntáronse, o pasado 26 de novembro, nestas zonas afectadas polos lumes o pasado mes para realizar as primeiras actuacións de recuperación orientadas á retención do solo fronte a erosión que poida sufrir debido ás chuvias dos vindeiros meses.

As accións levadas a cabo consistiron en dispersar palla nas zonas que tras os lumes quedaron sen cobertura vexetal e a construción de barreiras a partir de restos vexetais en franxas perpendiculares á pendente nas zonas preto das correntes de auga. O traballo levado a cabo durante a xornada estendeu a as accións ao longo dunha superficie aproximada de sete hectáreas.

Con estas actuacións, ademais da recuperación de zonas forestais arrasadas polos lumes, din dende amigos da Terra, búscase a sensibilización e mobilización social que impulse os cambios nas políticas forestais necesarios para evitar que no futuro o risco de incendios forestais.

O próximo domingo, continuarán coas actuacións de recuperación nesta zona ata chegar a cubrir toda á superficie arrasada polo lume na zona de monte comunal, dunhas 11 hectáreas, con estas medidas de “primeiros auxilios” de protección e mantemento do solo, que máis adiante poderían complementarse con accións para axudar na rexeneración da cobertura vexetal, reiteran. Ao mesmo tempo,  ao longo dos próximos meses, din que contemplan levar a cabo actuacións semellantes noutras zonas afectadas polos incendios.

Artigos relacionados

Back to top button