En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Ampla oferta gastronómica, cultural e deportiva na Feira do Lázaro 2016 en Verín

O certame, que reúne a máis de 60 expositores no pavillón de deportes da vila, inaugurábase na mañá do 12 de marzo

 

Orgullo, renacemento e exemplo. Con estas tres palabras aludía o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, á convocatoria da Feira do Lázaro 2016. “Hai dous tipos de pobos: os que teñen indentidade de seu (e polo tanto orgullo de ser una unidade de convivencia) e os que non: eu creo firmemente que Verín se atopa entre os primeiros”, aseguraba no acto inaugural do certame que tiña lugar na mañá do 12 de marzo no pavillón de deportes da vila.

Amosábase asemade “firmemente convencido de que Verín está a experimentar un renacemento nos eidos cultural, económico e social. E temos que loitar entre todos porque este rexurdimento xa non teña volta atrás. Hoxe presentades todos aquí os produtos que van ser o noso estandarte na Feira do Lázaro: produtos dos que estar orgullosos, delicatessen das que presumir e viños que rivalizan cos mellores de España e do mundo”.

Ademais o rexedor de Verín incidía en que “temos un exemplo maravilloso que seguir entre a nosa xente. Este Lázaro estamos a centrarnos en reivindicar a figura do noso maior erudito do século XX, Xesús Taboada, e este sería un bo modelo do que vos quero dicir: o mellor patrimonio de Verín é a súa xente”.

Tras a intervención de Gerardo Seoane, a inauguración continuaba cunha visita aos expositores desta mostra. Nela contábase coa presenza do rexedor de Chaves (Portugal) e de diversos alcaldes de municipios limítrofes de Verín como Riós, Vilardevós ou Monterrei, así como do presidente da Cámara de Comercio de Ourense e do xerente do Inorde, entre outras autoridades.

Percorrendo o recinto feiral o visitante poderá atopar nesta fin de semana do 12 e 13 de marzo multitude de produtos: doces, embutidos, carnes, marmeladas, produtos de apicultura, viños, cervexas artesás, queixos, roupa, xoieiría, artesanía, xabóns, libros… A feira reúne a máis de 60 stands boa parte deles de Verín, pero tamén doutros puntos da provincia como Allariz ou mesmo Valdeorras, así como do norte de Portugal (Chaves, Mirandela…). Entre os expositores están así mesmo o Consello Regulador da D.O. Monterrei, a Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei, AEVER-CCU Verín, a Antela Local de Verín, o IES García Barbón, a AECT Eurocidade Chaves-Verín, o Inorde ou o propio Concello de Verín.

No marco da Feira do Lázaro desenvólvense ademais iniciativas como a ludoteca “Pequelázaro” e diversas actividades culturais como proxeccións de cine, concertos, obradoiros infantís ou exhibicións de baile. Son tamén múltiples as propostas deportivas incluídas no programa: o I Torneo de Natación do Lázaro (desputado na mañá do 12 de marzo), o I Paseo Ciclista Familiar, a I Carreira do Lázaro e o I BTT das Festas Lázaro (o 13 de marzo ás 10h.).

Fotos: Carlos G. Hervella

A primeira das fotos da galería é de Carlos Montero (Concello de Verín).

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close