PolíticaÚltima hora

Ampla representación valdeorresa na Asemblea Nacional do BNG, o 7 de novembro

Na presentación, a deputada nacionalista no Parlamento de Galicia, María G. Albert, asegurou que "é importantísimo reforzar o poder municipal para poder afrontar as eleccións galegas con garantías"

 

O 7 de novembro terá lugar no Coliseum da Coruña a XVII Asemblea Nacional do BNG, que contará cunha ampla representacion valdeorresa. Así o aseguraba o responsable comarcal, Roberto Quiroga e a deputada nacionalista no Parlamento de Galicia e portavoz da formación no Concello da Rúa, María G. Albert, na rolda de prensa que daban na tarde deste luns 25 de outubro, acompañados por Jesús Vilasánchez e Avelino Fernández.

“A nosa é unha asemblea diferente á doutros partidos políticos, na que participa toda a militancia”, dixo Quiroga, incidindo en que “cada militante é un voto e alí decidirase o que acordemos entre todos”. Para iso, celebráronse asembleas comarcais ao longo do país. En Valdeorras celebraron a súa hai quince días e alí debatéronse os textos, aos que a xente da comarca pudo aporta as súas enmendas “sobre todo os de liña política de cara ao seguinte período”, puntualizou a deputada, destacando que entre os temas debatidos está a importancia de que o BNG teña forza para defender cuestións de interese para Valdeorras, poñendo como exemplo a recuperación dos horarios de bus cara A Gudiña, unha demanda feita polo BNG hai semanas. “É importante que a xente teña en conta que a Xunta non toma estas decisións se non ten a presión doutras forzas políticas, neste caso do BNG”.

 

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza e portavoz da formación no Concello da Rúa, María Albert.

 

Baixo o lema ‘Gañar unha nova Galiza’ porque “entendemos que nun período de grande crise económica, social e política provocada pola pandemia do Covid, é moi importante ter un país forte que poida afrontar os grandes retos que temos por diante”, en palabras de María, a do 7 de novembro será unha Asemblea Nacional que marcará para o BNG o fin dun ciclo político e o inicio dun novo. “Un ciclo no que tivo que recompoñerse reforzando a súa base e hoxe somos a primeira forza da oposición en Galiza e o obxectivo é ben claro: no 2024 chegar á presidencia da Xunta de Galiza para poder apostar por un país pensado en grande”, asegurou González Albert, destacando que o BNG é unha organización de carácter nacional, que nos últimos anos tivo unha importante recuperación de militancia tras un proceso complicado. “Contamos con máis de 1.500 afiliacións novas en todo o país no que é un proceso de fortalecemento evidente que fai ver o importante que é para a cidadanía contar cun BNG forte para poder defender os intereses de Galiza”, dixo.

Despois da Asemblea Nacional da Coruña na que se vai escoller un novo consello nacional, novo portavoz nacional e demais, o seguinte paso en menos de dous meses será traer ese proceso de novo ás asembleas comarcais para proceder á renovación dos órganos comarcais, novo responsable comarcal e local “para afrontar o camiño, primeiro de cara ás eleccións municipais que é a primeira gran convocatoria electoral que temos e na que o BNG ten posto moito o foco porque é importantísimo reforzar o poder municipal para poder afrontar as eleccións galegas con garantías”.

 

Artigos relacionados

Back to top button