Ana Miranda: “Loitar pola terra, por que se poida vivir e traballar aquí é o noso ADN”

Esta eurodeputada e candidata do BNG ás eleccións europeas aborda nesta entrevista a importancia destes comicios e as cuestións claves para Galicia que se decidirán na vindeira lexislatura comunitaria

 

Bruxelas está a uns 1.800 quilómetros de distancia, pero as decisións que se toman na Unión Europa (UE) condicionan, e moito, a realidade cotiá galega, tanto no rural como nas vilas e cidades. Dende o agro, pasando polos servizos sociais ata a enerxía ou o abastecemento de auga, “de aí a importancia de votar o vindeiro 26 de maio”, resalta Ana Miranda, eurodeputada e candidata ás eleccións europeas polo BNG.

Leva xa dúas lexislaturas no Parlamento europeo, onde ocupaba por vez primeira un escano en xaneiro de 2012. Volvía a convertirse en eurodeputada en febreiro de 2018. Nestes dous períodos “levamos os temas galegos con voz directa a Europa e mesmo ás persoas”, resalta.

O vindeiro 26 de maio celebráranse eleccións municipais, pero tamén europeas, sen embargo este feito está quedando nun segundo plano, ¿por que cre que sucede isto?

Non hai un interese nesa cuestión, está predominando a das eleccións locais cando quizais debera darselle tanta importancia como ás municipais, porque é onde se deciden as cousas. Por iso nós estamos facendo campaña por todo o país, percorréndoo e unindo un tema con outro porque, ao final, son temas totalmente ligados. Falar do concello do Barco é tamén falar de Europa, falar da PAC é falar de Chantada, e falar dos ríos é falar do Sil, do Támega, do Miño… entón cremos que hai que estar aí. Ademais nesta lexislatura os concellos van poder xestionar fondos Feder directamente pola cuestión demográfica e a atención de servizos sociais, iso é novidoso entón penso que temos unha oportunidade.

 

Ana Miranda durante a campaña electoral en Monforte de Lemos.

 

¿Por qué é importante votar nas eleccións europeas?

Porque alí estanse decidindo temas que nos tocan diariamente. No caso das provincias interiores estase falando da cuestión demográfica, do despoboamento, da Política Agraria Común (PAC), dos transportes, do monte, das pensións, de que haxa centros de día nas vilas, de que teñamos un tren que conecte e tamén autobuses…, e, sobre todo, da saúde. Ao final moitas das decisións que nos tocan son europeas porque é normativa europea. E logo tamén se deciden os fondos europeos. Por tanto, a UE interfire en todo, dende as estradas ata que estean os ríos saneados en Ourense, que haxa residencias e centros de día… Inflúe tanto que creo que é unha responsabilidade por parte de todos nós. Eu fago un chamamento a votar e, por suposto, a votar pola candidatura do BNG porque é a da terra, o escano que representa a este país, sen ataduras.

 

¿Que ten feito o BNG na súas dúas lexislaturas nas que tivo presenza no Parlamento Europeo?

Nós amosamos alí os problemas galegos levando á xente directamente, levando ao sector agrario, a delegacións de plataformas como a das preferentes, a dos emigrantes retornados, ás vítimas do Alvia, ao sector pesqueiro… A xente con problemas e que non vai nas grandes delegacións dos Estados, van levados por nós porque ninguén os leva alí e todo o mundo decide por eles, pero sen consultarlles. Levamos eses temas con voz directa para que iso sirva de altofalante, que xa é algo moi importante, pero ao mesmo tempo presentamos emendas e fixemos iniciativas parlamentares en calquera tipo de asunto que poida tocar ao país, ademais de a causas da humanidade, dende o tema dos refuxiados mortos no Mediterráneo ata cuestións relativas á democracia e aos dereitos das mulleres como é o de garantir a conciliación. É un dos temas estrela, pola xustiza e pola verdade, foi o das vítimas do Alvia, creo que todo o mundo se lembra de que se non fora polo BNG o tema estaría morto.

 

 

¿Cales son as cuestións clave nestes momentos para Galicia no marco europeo?

O Brexit, sen dúbida, a política de cohesión o marco financeiro plurianual, a PAC, o Fondo europeo marítimo e de pesca, e que se impida o avance da extrema dereita. Estamos vendo como aparecen partidos que poden incluso quitarnos a nós os escanos con discursos xenófobos e que están en contra da nosa propia cultura e lingua. E nós tamén defendemos este patrimonio cultural propio, de pobo, de forma de facer, de como aquí se ve a agricultura, de como aquí se ve a pesca, do dereito a ter industria. E logo a loita contra ese despoboamento, ese baleirado das aldeas porque non hai quen apoie quedarse nelas. Na Xunta temos un goberno que parece que fomenta o abandono do rural e dos sectores produtivos e para nós iso é prioritario, é o noso ADN, loitar pola terra e loitar por que se poida vivir aquí e por que se poida traballar aquí. E, sobre todo por unha cuestión que tamén nos parece moi importante e que levamos no programa, que é a defensa desa Europa social que non existe, pedimos traballos dignos pedimos e tamén que se apoien dende Europa.

 

¿Como se ve a situación do Brexit, que pode afectar de cheo a exportacións galegas como as da lousa, dende o Parlamento Europeo?

Hai unha incertidume enorme e non está moi claro cal vai ser o camiño final. O máis importante é o impacto que pode ter na exportación de produtos, na pesca e, por suposto, nas persoas emigradas galegas que viven no Reino Unido e que son moitas.

¿Que outros temas lle deberían preocupar a Galicia con relación á UE?
Tamén está ameaza de que os fondos de cohesión se vaian para o fondo Europeo de defensa ou a ameaza que cae sobre o sector agrario de que todo vaia para as explotacións de maior tamaño, por iso nós seguimos defendendo a figura do agricultor activo e que se pague a quen traballe a terra, e non a quen a ten. Galiza ten que estar en Europa para defender os seus intereses e que estea o BNG é garantía de que se defenden, o do BNG é un escano que foi útil, eficaz e solvente.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies