PolíticaÚltima hora

Ana Miranda reúnese cos sectores da lousa e do viño de Valdeorras

A visita da candidata do BNG ao Parlamento Europeo encetábase na mañá do 6 de maio cun percorrido pola feira de Viloira (O Barco)
A nacionalista Ana Miranda, no seu percorrido pola Feira de Viloira (O Barco).
A nacionalista Ana Miranda, no seu percorrido pola Feira de Viloira (O Barco).

“A loita contra o desemprego ten que ser unha prioridade das políticas europeas, sobre todo en comarcas altamente dependentes de sectores nos que se perderon moitos postos de traballo, como é o caso do sector pizarreiro de Valdeorras”, aseguraba Ana Miranda, candidata do BNG ao Parlamento Europeo, mentres percorría a Feira de Viloira (O Barco) na mañá do 6 de maio e facía un reparto informativo.

Miranda pediu aos dirixentes do Partido Popular que “eviten triunfalismos” falando do descenso do paro porque “en Galiza hai 270.000 persoas que están sen traballo e 100.000 mozos e mozas tiveron que emigrar por falta de futuro na súa terra”, lembrou. Segundo os datos coñecidos hoxe, en Galiza baixou o paro no último ano en 20.315 persoas, pero só houbo 614 afiliados máis á Seguridade Social, dous contratos novos ao día. “Esta é a verdadeira realidade”, dixo Ana Miranda, porque “moitos mozos e mozas que non atopan traballo marchan e moitas persoas que están apuntadas nas listas do INEM dánse por vencidas e bórranse”, denunciou. Por iso, a candidata nacionalista, matizou as cifras de paro coñecidas hoxe porque “non son para tirar foguetes”, e lembroulle a Feijóo que “a este ritmo de creación de emprego fanlle falla 400 anos para acabar co paro en Galiza”.

De seguido, a candidata reuníase con representantes sindicais do ámbito da lousa, un sector, dixo, afectado por decisións que se toman na UE porque a maioría das exportacións do sector van a países da Unión Europea ou a outros, como Suíza, que non están dentro da UE pero que teñen acordos comerciais coa UE. Asemade referíuse á redución de emprego, dun terzo dos postos de traballo, no sector da pizarra nos últimos anos, e demandou “políticas activas de emprego para toda a xente que ata agora traballaba nas canteiras”. “Nesta comarca perdéronse 1.200 empregos no sector”, denunciou Ana Miranda. Valdeorras conta cunhas 40 empresas no sector pizarreiro, pertencentes a 3 grandes grupos empresariais, que dan traballo aínda a unhas 2.000 persoas.

Xa pola tarde, a cabeza de lista do BNG ás europeas visitaba a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, no que defendeu unha reforma dos fondos europeos da PAC para que se repartan en función da produción, e non de dereitos históricos que perxudican ao sector do viño galego. “As axudas están indo todas para outros territorios porque se reparten polos dereitos históricos de destilación”, denunciou.

Dende o Consello Regulador valdeorrés valorouse positivamente a ampliación dos dereitos de plantación de viñedos, algo polo que loitou o BNG nesta lexislatura no Parlamento Europeo. A decisión desta cámara de ampliar ata 2030 os dereitos de plantación de viñedos tranquiliza o sector vitivinícola galego. Produtores, consellos reguladores e adegueiros valoran positivamente a medida porque liberalizar os dereitos din, suporía graves consecuencias para o sector, indicaba Miranda.

A axenda da candidata ás eleccións europeas do BNG concluía en Valdeorras cunha xuntanza no Barco con emigrantes retornados afectados polas multas que lles está a enviar o Ministerio de Hacienda polas súas pensións do estranxeiro. Animounos a crear unha plataforma en Valdeorras para defender os seus dereitos, coma as que xa existen noutros lugares de Galicia. Explicoulles ademais que o Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha iniciativa en Bruxelas en defensa das pensións dos emigrantes retornados galegos na que se insta á Eurocámara a pronunciarse sobre a “legalidade” da decisión do Goberno español.

Esta é a primeira visita que un candidato ás eleccións europeas realiza a Valdeorras. Miranda, que xa estivera a finais do pasado mes de abril en Viana do Bolo.

Fotos: Ángeles Rodríguez/Carlos G. Hervella/ Gabinete

AnaMirandaCIGOBarco1

AnaMirandaCig2

AnaMirandaCRV

AnaMirandaemigrantes

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button