Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Ana Pontón, de visita institucional en Viana do Bolo

A portavoz nacional do BNG percorría esta localidade e recollía as propostas do seu alcalde de cara a presentar unha serie de iniciativas no Parlamento

Comunicacións e servizos sociais. Nestes dous ámbitos se centraban as demandas que o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, lle presentaba á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante a visita institucional que realizaba a Viana do Bolo na mañá do 17 de marzo. “A nosa demanda principal é o arranxo da estrada OU-533 que nos conecta coa Gudiña e coa autovía e que está rexistrando un tráfico pesado enorme que atravesa a vila de Viana e xera numerosos accidentes. O arranxo de 500.000 euros da Xunta para a capa de rodadura non soluciona o problema de estrutura da estrada”, resaltaba Secundino Fernández.

Asemade plantexáballe que é necesario un incremento das partidas para a dependencia no municipio, cunha elevada poboación de maiores, e a situación de “saturación da Escola Galiña Azul. É necesario ampliar o seu número de prazas para darlle servizo á xente nova. Hai que potenciar a natalidade pero para iso hai que darlle unha serie de servizos á poboación”.

Ana Pontón recollía as propostas do rexedor vianés co fin de levalas ao Parlamento de Galicia. “Realmente é unha prioridade a das comunicacións, cunha estrada deficiente e cun índice de sinistralidade importante. Tamén consideramos fundamental a dotación de servizos sociais. E nese senso imos levar a cabo unha serie de iniciativas no Parlamento”, dicía a portavoz nacional do BNG.

Durante a súa visita a Viana do Bolo Pontón tamén participaba nun acto simbólico de arriado da bandeira da Unión Europea, como medida de protesta contra a política de abandono dos refuxiados que están a practicar os estado membros da UE. Despois, paseaba polo casco antigo vianés e achegábase ata a escola infantil, onde mantiña un encontro coa asociación de lactancia materna “Colo de mai”. Neste percorrido, Pontón estivo acompañada por membros do goberno municial de Viana e pola ourensá Noa Presas, membro do Consello Nacional do BNG.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button