PolíticaÚltima hora

Ana Pontón: “É moi grave o que estamos vivindo coa estafa da luz e coa xestión dos nosos encoros”

A portavoz nacionalista anunciaba en Viana que o BNG pedirá no Parlamento galego unha comisión de investigación sobre este tema

 

Ata o encoro do Bao, en Viana do Bolo, desprazábase a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na mañá deste 8 de setembro para “denunciar o atentado medioambiental que se está producindo no noso país por parte das eléctricas. Estamos vendo como se está turbinando auga dos encoros cunha única razón: que as eléctricas ganen máis nesta estafa diaria que estamos vivindo co prezo da electricidade, e cremos que isto non se pode consentir, sobre todo porque estamos ante unha situación na que hai que parar esta escalada eléctrica”, aseguraba.

Ademais, Pontón indicaba que, “fronte a esta acción das eléctricas, chama poderosamente a atención a inacción do goberno galego e do central que están permitindo que se leve a cabo un auténtico atentado ecolóxico, pero tamén un atentado contra o que debería ser o funcionamento normal do sistema eléctrico, e onde vemos como se está actuando con usura”.

Fronte a esta situación, Pontón anunciaba que dende o BNG ”imos solicitar a creación dunha comisión de investigación porque hai moitas preguntas que merecen respostas. A primeira, ¿por que o goberno da Xunta tiña coñecemento en 2 correos electrónicos do 10 de xuño e do 12 de xullo de que se ía producir un baleirado dos encoros e non actuou? Segundo, ¿por que se está permitindo que as eléctricas estean baleirando os nosos encoros e claramente danando ao medio natural, sen que se faga absolutamente nada? E terceiro, ¿por que o goberno da Xunta modificou a lei vinculada coas penalizacións ao sector eléctrico pola xestión dos nosos ríos para rebaixar nun 90% as sancións?”.

 

 

Ana Pontón considera que “todo isto é só a punta do iceberg de como temos gobernos que están claramente ao servizo das eléctricas”. E asegura que “é moi grave o que estamos vivindo coa estafa da luz, pero tamén coa xestión dos nosos encoros e é necesario que o Parlamento galego investigue esta estafa e este atentado medioambiental e que vaiamos ata as últimas consecuencias. O Parlamento de Galiza é o foro onde teñdn que darse explicacións e onde temos que chegar ata o final”.

Pontón comparecía, xunto á deputada no Parlamento galego por Ourense, Noa Presas, así como xunto a representantes do BNG, entre eles concelleiros e algún alcalde, de zonas como Viana do Bolo, A Mezquita ou Verín. Presas incidía en reclamar “actuacións contudentes fronte a esta situación” e aludía “tanto o espolio que as empresas hidroeléctricas aplican no noso país, como a absoluta indiferencia e falta de actuación política que están tendo tanto a Xunta como o goberno central”.

Tamén lembraba que dende o BNG, “hai apenas 15 días estabamos no encoro do Cenza, reivindicando que houbese sancións inmediatas e solucións, e o que vemos é que realmente as eléctricas van a máis na súa cobiza”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

A deputada nacionalista ourensá Noa Presas, xunto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no encoro do Bao.

 

Artigos relacionados

Back to top button