Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Ana Pontón: “Este BNG, renovado e reforzado, é a alternativa para que Ourense recupere o pulso e a ilusión”

O Bloque Nacionalista Galego abría a campaña de cara aos comicios de 2019 cun acto na capital ourensá

O BNG daba o pistoletazo de saída á campaña de cara aos comicios de 2019 na provincia de Ourense, cun acto no Centro Cultural Marcos Valcárcel, celebrado na tarde do 13 de marzo, que congregou a máis dun cento de responsables políticos do ámbito municipal, con especial protagonismo aos concellos nos que a formación nacionalista goberna ou cogoberna.

Despois das intervencións do responsable local, Luís Seara; da deputada por Ourense, Noa Presas; de militantes de base como Gloria Viana; de referentes da acción municipal do Bloque como María G. Albert na Rúa, Diego Lourenzo en Verín e Francisco García en Allariz; e do alcalde de Pontevedra, Miguel A. Fernández Lores, era a portavoz nacional, Ana Pontón quen pechaba o acto.

Na súa intervención asegurou que “este novo BNG, renovado e reforzado, é a alternativa para que Ourense recupere o pulso e a ilusión, é a  alternativa para darlle a esta cidade e á provincia un futuro mellor, porque temos un proxecto sólido capaz de mellorar a vida das persoas”. Segundo Pontón, xa o demostraron en Allariz e “vémolo en todos e cada un dos concellos nos que gobernamos ou lideramos a acción de goberno, desde Verín a Castrelo de Miño, desde Viana do Bolo, a Baños de Molgas, pasando pola Rúa ou A Mezquita”, salientou, incidindo no feiro de que “somos capaces de transformar os concellos en beneficio dos e das veciñas, e iso é o que queremos trasladar aos cidadáns”.

Diante dos asistentes, atentos ás súas palabras, a dirixente do Bloque proclamou que “con traballo, con ilusión e cun sorriso imos a por todas nas próximas eleccións municipais, porque Ourense merece un futuro mellor”, engadindo que “Allariz e Pontevedra non son un milagre, son o mellor exemplo de que o BNG ten un proxecto sólido, forte e capaz de facer avanzar Galiza”.

Xunto á experiencia que representan rexedores como Francisco García ou Miguel A. Fernández, Pontón fixo fincapé no relevo xeracional do BNG, “que vén pisando forte” como demostran a deputada Noa Presas ou os responsables municipais da Rúa e Verín, María G. Albert e Diego Lourenzo, citando as súas intervencións no acto. Igualmente, fixo un recoñecemento aos rexedores da Mezquita, Castrelo de Miño, Baños de Molgas e Viana do Bolo, “que están demostrando nesta provincia que o BNG ten un proxecto que transforma e mellora a vida da súa veciñanza”, ao tempo que botan por terra a “falsa idea” de que Galiza non pode valerse por si mesma. “Pode, e demostrámolo desde os concellos”, subliñou.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button