EntrevistasÚltima hora

Ana Pontón: “Galiza necesita cambios estruturais”

A portavoz nacional do BNG considera clave o aproveitamento dos fondos europeos de recuperación económica e anuncia unha “ofensiva a favor de Valdeorras” no Parlamento galego

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na entrevista mantida co Periódico O SIL./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Cos fondos europeos de recuperación Next Generation “estámonos xogando o futuro de Galiza”, destaca Ana Pontón (Sarria, 1977), “necesítase un plan que permita o seu aproveitamento, pero até o momento o único que temos do goberno galego é escurantismo e falta de previsión. Non hai ningún tipo de estratexia para evitar que a centralización deses fondos supoña unha perda de oportunidades para que Galiza se levante desta crise, este país necesita cambios estruturais”.

A voceira nacional do BNG e actual líder da oposición galega amosábase preocupada por esta cuestión na viaxe que realizaba a Valdeorras o 17 de xuño para coñecer de primeira man a realidade desta comarca. Reuníase cos empresarios do Clúster da Pizarra de Galicia, con sindicatos, coa xunta de persoal do Hospital do Barco e con membros do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. Ao final desta intensa xornada, atendía ao Periódico O SIL e anunciaba “unha ofensiva política no Parlamento galego en defensa da comarca para mudar o seu abandono por compromisos e investimentos”.

¿Como ve a Valdeorras?

Ten unha enorme riqueza e potencial, pero estes anos de abandono por parte do PP e dos distintos gobernos do Estado provócanlle unha perda de oportunidades, de emprego, de poboación e unha marxinación. Estamos nun momento de transformacións no que é importante que cambiemos ese guión. O que queremos é darlle un impulso á comarca e facer unha ofensiva política en defensa dos seus intereses que pasa por mellorar as súas infraestruturas, por poñer freo ao desmantelamento da sanidade pública e por dotar ao hospital comarcal de medios e dunha unidade de neumoloxía; ademais de por unha xestión sustentable dos recursos cun plan de xestión dos ríos no que participe a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Xunta e tamén as empresas da lousa.

Así poderíase garantir a sostibilidade e que a explotación dun recurso, do que dependen moitos empregos, se faga sen hipotecar o futuro. E, sobre todo, Valdeorras necesita un plan económico para diversificar a súa actividade e esa debe ser unha das liñas de futuro. Precísase que a Xunta abandone a discriminación e aposte por poñer Valdeorras no mapa. E dende o BNG imos dar ese debate e esa batalla.

Cúmprese un ano das eleccións do 12X, ¿que balance fai do que vai de lexislatura en Galicia?

Foi un ano atípico e marcado pola pandemia, no que vimos que a Xunta foi incapaz de anticiparse ao virus e cometeu erros de bulto como dicir que o importante era salvar o Nadal e non salvar vidas. Hoxe estamos nunha situación mellor porque a campaña de vacinación avanza, pero temos outro reto que é o da reactivación económica e, ademais, necesitamos unha transformación do noso país e, lamentablemente, aí, no asunto máis importante desta lexislatura, vemos a un goberno do PP que non ten proxecto, ¿como pode ser que a estas alturas non coñezamos cal é o plan do goberno galego para eses fondos Next Generation nin cales son as transformacións estruturais que quere poñer en marcha no país?

Veño de falar con representantes do sector empresarial, dende a lousa ao viño, e non saben nada deses proxectos, non están neses plans, é dicir, que se vai cumprindo un dos nosos principais temores que é que vemos ao goberno da Xunta facendo de comercial de tres multinacionais, pero deixando abandonada á pequena e mediana empresa e sen un proxecto de país. E isto é grave porque nos estamos xogando o futuro.

¿Que opina do procedemento para acceder a eses fondos?

Máis que nada é un proceso opaco en todo. E algo é opaco cando che interesa que non sexa democrático e transparente. Preocúpanos a condicionalidade que van ter os fondos, fálase de recortes laborais e nas pensións. Tamén nos preocupa a centralización deses fondos porque cando Madrid decide, Galiza perde, e sabemos que é importantes que estes recursos cheguen para poder modernizar a economía, levar adiante unha aposta pola innovación e reforzar os servizos públicos, pero corremos o risco real de que non cheguen máis que migallas. E o grave é que, fronte a esa ameaza, veremos ao goberno de Feijóo cruzado de brazos.

 

A líder do BNG, noutro dos momentos da entrevista./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Como cualifica o labor de oposición do BNG?
Estamos actuando como unha oposición firme pero con alternativas. Contamos cun equipo de xente moi boa, temos un grupo parlamentario de gran nivel.

Os lumes forestais son unha problemática recorrente, especialmente no interior e no verán, ¿que propón o BNG para facerlle fronte?

Os incendios cando se apagan é no inverno. Lamentablemente aquí non hai política de prevención, nin unha visión da gravidade dun problema que se acentúa co cambio climático, que xa está aquí e fai que os lumes sexan máis virulentos. Necesítase actuar en planos moi distintos porque os problemas non son exactamente iguais en todo o territorio, non é o mesmo o tipo de lumes de Ourense que o da costa atlántica, pero si sabemos que hai que actuar con prevención e para evitar o monocultivo dunha especie, e moito máis das pirofitas; e tamén acabar co abandono do medio rural.

Todo iso non se fai cun servizo de extinción moi potente, senón cunha política de país que queira realmente ir a socavar o problema de fondo. Precísase unha política de prevención específica por zonas e un plan integral de ordenación dos montes.

A entrevista íntegra a Ana Pontón pode lerse na edición en papel de xullo do Periódico O SIL.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button