PolíticaÚltima hora

Ana Pontón: “Imos pedir no Parlamento galego que se recupere a Área Sanitaria de Valdeorras”

A portavoz nacional do BNG, que visitaba esta mañá o HPV, anunciaba que van presentar na Cámara galega unha iniciativa neste senso

Publicidade

 

“Hoxe estamos aquí para defender a sanidade pública, para darlle continuidade á demanda que expresou nas rúas a cidadanía que está reclamando mellores e máis servizos para o Hospital Público de Valdeorras (HPV)”. Así iniciaba a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a súa comparecencia ante os medios de comunicación na visita que realizaba estaba mañá ao hospital do Barco para reunirse coa súa Xunta de Persoal. Pontón estaba acompañada pola deputada galega María G. Albert, así como por concelleiros nacionalistas valdeorreses e polo responsable comarcal da formación.

Neste senso, Ana Pontón anunciaba que na vindeira semana o BNG vai defender no pleno do Parlamento de Galicia unha iniciativa “reclamando máis servizos para o HPV. Cremos que a cidadanía expresou nas rúas un malestar e a Xunta ten que escoitar porque o que nos están dicindo é que non van permitir que os traten como cidadáns de segunda. E imos reclamar que se recuperen eses servizos que se foron suprimindo, que se recupere a área sanitaria que nos parece unha cuestión clara para defender o hospital comarcal. Este hospital foi unha demanda da cidadanía e un recurso moi importante para esta comarca, e o que non podemos permitir é que se desmantelen servizos públicos”.

Así, na reunión coa Xunta de Persola abordábanse cuestións como a recuperación Área Sanitaria de Valdeorras, “que suprimiu Núñez Feijóo hai uns anos, que nós alertabamos de que detrás da supresión da área estaba o desmantelamento do hospital e lamentablemente vemos que iso é o que está acontecendo, que cada vez hai menos recursos e menos servizos, que se alongan as listas de agarda e que se dificulta o coidado das persoas”.

 

Imaxe da reunión coa Xunta de Persoal.

 

En segundo lugar, Pontón tamén abordaba cos representantes sindicais do HPV a necesidade de “recuperar servizos que se foron suprimindo ou deteriorando neste hospital. Moitos son agora os veciños desta zona que, en vez de ser atendidos neste hospital, teñen que desprazarse a Ourense, co que iso significa. Nós dicimos que é urxente reverter eses recortes e recuperar os servizos que se perderon. E concretamente, hai que actuar con rapidez tanto en traumatoloxía como en radioloxía, como en xinecoloxía, porque son seguramente algúns dos que están hoxe máis deteriorados e necesitan unha atención rápida”.

Así mesmo, no encontro falábase da atención primaria, “que vemos que neste distrito sufre un desmantelamento, con falta de prazas, de recursos. Vemos aos profesionais que están ao borde do shock, ademais nun momento no que estamos en medio dunha nova onda vinculada co Covid e, polo tanto, hai que dotar dos recursos suficientes a atención primaria, tanto de persoal sanitario como de persoal de apoio no ámbito administrativo”.

Finalmente, Pontón comentaba que Valdeorras “necesita ter unha base do 061, cunha ambulancia de servizo vital avanzado porque tamén sabemos que cada minuto conta para poder salvar vida. E é importante que unha comarca como esta conte cun servizo destas características, en definitiva”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button