PolíticaÚltima hora

Ana Pontón inicia a súa visita a Valdeorras reuníndose co sector da lousa

Ademais a axenda da portavoz nacional do BNG inclúe reunións coa xunta de persoal do Hospital Público de Valdeorras e con represenantes do Consello Regulador da D.O. Valdeorras

 

Cunha reunión con representantes do Clúster da Pizarra de Galicia, na súa sede en Sobradelo (Carballeda), comezaba unha intensa visita á comarca de Valdeorras a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, neste xoves 17 de xuño. “Imos ter encontros tamén cos representantes dos traballadores deste sector e tamén doutros ámbitos que son importantes para a economía de Valdeorras. Tamén nos reuniremos con persoal do Hospital Público de Valdeorras e ademais compartiremos inquedanzas coa D.O. Valdeorras”, comentaba Pontón á saída da xuntanza cos empresarios da lousa.

A portavoz nacional do BNG, que estaba acompañada polas deputadas galegas por Ourense Noa Presas e María Albert, así como polo responsable comarcal da formación nacionalista, Roberto Quiroga; destacaba que o obxectivo desta visita é estar “co conxunto dos sectores económicos máis importantes desta comarca coa clara intención de poder traballar para darlle un impulso a Valdeorras, que é unha comarca rica cun enorme potencial en sectores como vitivinícola e o da lousa, tamén ten un peso nos compoñentes do sector da automoción, pero a pesar de todo este dinamismo e capacidade, vemos como leva sufrindo doce anos o esquecemento por parte do goberno da Xunta. E isto fai que perdamos oportunidades, emprego, demografía, e nun momento, ademais, de crise como a do Covid, no momento xusto para dar un debate importante sobre o futuro desta comarca e a necesidade de facer unha ofensiva política en defensa de Valdeorras para que haxa investimento, proxectos, unha mellora dos servizos públicos e, en definitiva, para que sexamos capaces de sentar as bases dun novo modelo de desenvolvemento que tamén se ten que aplicar na comarca de Valdeorras”.

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coas deputadas Noa Presas e María G. Albert, e o responsable comarcal do BNG, Roberto Quiroga.

 

Nesta liña, Pontón anunciaba que o BNG vai desenvolver ao longo desta lexisatura “unha ofensiva institucional en defensa de Valdeorras, que empeza pola demanda da mellora das súas infraestruturas. É necesario que se mellore a N-120, que se faga unha aposta polo ferrocarril, que ten que ser tamén un elemento central de desenvolvemento, e que se melloren as conexións por autovía e aí levamos demasiados anos de retraso”.

Así mesmo, sinalaba que “ten que haber unha aposta por que realmente se utilicen recursos para xerar un desenvolvemento sustentable nesta comarca. E temos unha oportunidade cos fondos Next Generation. E eu saio preocupada porque vexo que a Xunta de Galiza non está traballando con sectores económicos máis importantes desta comarca para que eses fondos sexan unha oportunidade para mellorar a súa competitividade, para asentar a industria que temos no país, desenvolvela, apostando pola innnovación e por unha sustentabilidade que ten que ser claramente o futuro”.

 

 

“Necesítase investir en mellorar o Hospital Público de Valdeorras”

Outro dos temas nos que facía incidencia Pontón era o sanitario. “Imos poñer sobre a mesa a mellora da sanidade nesta comarca, estamos vendo como se perden servizos, como o sector sanitario está sufrindo máis dunha década de recortes de privatizacións e a nosa aposta é moi clara neste ámbito. Nós cremos que O Barco necesita unha unidade de neumoloxía, porque iso é básico para atender unha enfermidade que ten moito impacto aquí como é a silicose e nese ámbito hai que traballar. Esta é unha cuestión básica, así como dotar dos medios suficientes ao hospital para os servizos de radioloxía, que en pleno século XXI, ano 2021, que un veciño/a do Barco teña que facer tres horas para facer unha radiografía é un auténtico disparate, necesítase investir en mellorar o Hospital de Valdeorras”.

Creación dunha Estación Fitopatolóxica Galega

Así mesmo, dende Valdeorras Ana Pontón reclamaba “un plan de xestión estratéxica dos ríos, no que tamén ten que participar o sector da lousa, e que permita a restauración, a recuperación e o mantemento dunha cuestión que é fundamental para o futuro”.

A portavoz nacionalista aludía ademais ao sector vitivinícola, “no que hai que traballar para que haxa máis oportunidades e aí facemos dúas propostas. Debe haber un cambio en como se distribúen os fondos europeos, esas axudas ao sector porque claramente discriminan o tipo de viñedos que temos no noso país. E, en segundo lugar, sería moi importante que se creara unha Estación Fitopatolóxica Galega, que traballe co conxunto das denominacións de orixe que permita que realmente poidamos tratar mellor todo o que ten que ver coas enfermidades, cos problemas que ten o viño e que lle deamos unha aposta de futuro”.

Por outra banda, Pontón anunciaba que o BNG pedirá que se declare zona catastrófica a parte de Chantada que rexistraba onte unha forte saraibada “porque os danos son cuantiosísimos, pediremos que se dean as axudas necesarias para que esta saraibada non arruine a ningunha persoa desa zona”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información:
https://osil.info/ana-ponton-pide-en-valdeorras-un-cambio-nos-criterios-de-distribucion-das-axudas-europeas-ao-vino/

Artigos relacionados

Back to top button