PolíticaÚltima hora

Ana Pontón presenta a Luís Seara como candidato do BNG á alcaldía da cidade de Ourense

“Ourense non pode permitirse outro mandato como o actual”, di Luís Seara, por iso “a candidatura do BNG será o motor do cambio”
Ana Pontón e Luís Sera nunha foto de grupo diante da estatua de Blanco Amor, Alameda Bispo Cesáreo, en Ourense.

O edificio do Liceo de Ourense acollía na mañá do 30 de outubro a presentación de Luís Seara como candidato do nacionalista á alcaldía de Ourense. Este acto contaba coa presenza de Ana Pontón, portavoz nacional o BNG, e coa de máis de trinta cargos institucionais, militantes e simpatizantes.

Pontón destacaba de Seara o seu compromiso para impulsar o cambio de rumbo político nunha cidade que o Partido Popular conduciu á “parálise”. Ademais presentábao como un político que “leva a Ourense no corazón e coñece a cidade, os seus problemas e necesidades” e como unha persoa “íntegra, traballadora e dialogante”, e que levará ao Concello “o diálogo que faltou durante estes anos en Ourense, caracterizados pola arrogancia política local”. Así mesmo recalcaba tamén que tanto Seara como “as persoas que o acompañarán na candidatura darán o impulso necesario ao concello para convertelo nun concello vivo e dinámico”.

A portavoz nacionalista tamén asegura que fronte ao PP que representa o pasado, “o BNG é a alternativa que entende a política como servizo público, cun proxecto para o país, e para Ourense como xa levamos demostrado en Allariz, en Castrelo, na Mezquita, en Barbadás, Verín, Viana ou Baños de Molgas”. Un proxecto, engadía, que “mellora a vida dos concellos e para construír un país mellor. Conseguímolo noutros lugares e tamén queremos facelo en Ourense porque queremos ser o motor dese cambio”.

 

Acto de presentación de Luís Seara como candidato á alcaldía de Ourense polo BNG.

 

Pola súa banda, o candidato do BNG á alcaldía de Ourense, Luís Seara, aseguraba que o interese do BNG pasa por converter á cidade “nun concello, vivo, dinámico e de referencia” e por iso “eliximos unha equipa cohesionada e solvente”. Considera que a sociedade ourensá “é unánime á hora de cualificar de paralizado e improdutivo” ao actual goberno local. Neste contexto, “que o PP presente ao mesmo candidato á alcaldía”, proseguía, “é indicativo de que no PP confunden o verbo ser co verbo estar e para nós, non é o mesmo estar no goberno que ser goberno porque no primeiro caso ocupas unha institución pero no segundo exerces unha responsabilidade”.

Para o cabeza de lista nacionalista, o actual goberno foi “irresponsable, arbitrario, insolvente para xestionar e en conxunto deixa peor a cidade do que a atopou”. E insiste na necesidade dun cambio de rumbo político para “rachar a inercia actual e ese cambio o dará o BNG con anos de experiencia na oposición e no goberno municipal cun balance de ideas e proxectos que significaron unha verdadeira transformación para o concello”.

Seara cre que “Ourense non pode permitirse outro mandato como o actual”. Por iso, di, a candidatura do BNG será “o motor do cambio que definimos como proxecto das catro ies: integral, íntegro, integrador e integrado. Integral para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños, íntegro na transparencia e relación coa cidadanía, integrador porque se constrúe dende as persoas como centro e para elas, e integrado cun proxecto de país”.

Artigos relacionados

Back to top button