Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Ana Pontón presenta, xunto a Iago Tabarés, as candidaturas do BNG en Ourense ás eleccións xerais

Na candidatura ao Senado, que tamén se daba a coñecer neste acto acto celebrado nas Burgas este venres, figura o valdeorrés Roberto Quiroga

“Presentámonos ás eleccións do vindeiro 28 de abril con moitísima ilusión porque son unha oportunidade para que Galiza recupere voz propia no Congreso e que esa voz nos sirva para cambiar a desesperanza por esperanza”, aseguraba a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no acto de presentación das candidaturas ao Congreso e ao Senado por Ourense desta formación política galega ás eleccións xerais do vindeiro 28 de abril.

A súa intervención ía precedida pola de Iago Tabarés, cabeza de lista provincial ao Congreso, quen falaba da necesidade de comprometerse coa política, “sobre todo nos tempos nos que estamos, e todos temos que implicarnos nela. Non é certo iso de que todos os políticos e políticas son iguais. Entre todos debemos traballar para que ese espírito democrático siga imperando e non sufra regresión”.

Ademais manifestaba que “estou farto de que Ourense apareza por baixo en todos os índices de calidade de vida” e resaltaba que a provincia perdeu nos últimos anos “35.000 habitantes de menos de 65 anos. Por iso é o momento de sermos quen de participar e de ter voz propia en todas as institucións que nos atinxen, aí temos que estar presentes e defender a nosa sanidade, as nosas infraestruturas, a nosa cultura… Se non o facemos nós, ninguén o vai facer”.

Na lista do BNG ao Congreso xunto a Iago Tabarés figura, por esta orde: Samanta Barreira, Rita María Iago e Francisco García. A candidatura nacionalista ao Senado está encabezada por Gloria Viana e tras ela están Xosé Lois González e o valdeorrés Roberto Quiroga.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button